PATRIMONIO

Homenaxe póstuma do Comité Nacional de ICOMOS ao experto en patrimonio cultural Miguel Ángel Troitiño

29/05/2020 A concelleira de Urbanismo e Acción Cultural, Mercedes Rosón, participou hoxe, vía telemática, na Asemblea Ordinaria do Comité Nacional de ICOMOS (CNE), que comezou cunha homenaxe a Miguel Ángel Troitiño, membro de ICOMOS que faleceu o pasado 21 de abril. Catedrático e experto en patrimonio cultural destacou, entre outros traballos, polos seus estudos sobre o comportamento de visitantes nos principais monumentos e cidades históricas españolas, entre os que se atopa a Catedral de Santiago de Compostela.

O seu traballo a prol de cidades Patrimonio da Humanidade foi unha constante na súa vida, igual que a súa vinculación coa universidade, sendo profesor convidado da USC e líder dun equipo de investigadores da UCM (Universidade Complutense de Madrid), que estableceu os umbrais da sostibilidade da visita pública na Alhambra de Granada. Dende ICOMOS queren lembrar, con esta homenaxe, que Miguel Ángel Troitiño deixa tras de si un magnífico legado, un gran número de publicacións e unha metodoloxía a seguir para os investigadores do patrimonio e dos fluxos turísticos. Entre os demais asuntos tratados na asemblea, figuraba o informe económico e o proxecto de actividades da entidade.

ICOMOS (Consello Internacional de Monumentos e Sitios), é unha organización internacional non gobernamental asociada á UNESCO. Dedícase a difundir a teoría, a metodoloxía e a tecnoloxía aplicada á conservación, protección e posta en valor do patrimonio cultural. No noso país estas funcións canalízanse a través do Comité Nacional Español de ICOMOS, do que forma parte Santiago de Compostela. Entre os obxectivos desta entidade figuran:

• Promover a conservación, protección, uso e desenvolvemento dos monumentos, conxuntos de edificios e lugares.

• Participar no desenvolvemento e actualización do marco filosófico e doctrinal do patrimonio a nivel internacional.

• Proporcionar mecanismos que vinculen ás autoridades públicas, institucións e individuos implicados na conservación dos monumentos, conxuntos de edificios e lugares.

• Fomentar a adopción e implementación das recomendacións internacionais en materia de conservación e protección do patrimonio cultural.

• Establecer e manter unha colaboración estreita coa UNESCO e outras organizacións (internacionais ou rexionais), con obxectivos similares.

Compartir: