CENTROS SOCIOCULTURAIS E MOCIDADE

Entrega de dispositivos LU-Touch ao persoal do Supermercado Froiz

22/05/2020 O concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, e a responsable do Departamento de Mocidade, Noa Díaz, entregaron esta mañá 24 dispositivos LU-Touch, fabricados con impresoras 3D, ao persoal do Supermercado Froiz situado na praza do Toural. Con este dispositivo pódense abrir portas e fiestras e acceder ás chaves da luz sen tocalas, polo que se reduce considerablemente a posibilidade de contraer COVID-19 por contacto indirecto.

A entrega destas unidades foi unha iniciativa da Asociación de Veciños Sandra Prego Rial que, con este xesto, queren agradecer a colaboración prestada polo supermercado no barrio Grupo Compostela - Cardeal Quiroga Palacios. É no local desta entidade veciñal onde están instaladas as impresoras 3D e onde se están imprimindo os dispositivos. O resto de unidades, unhas 125, está previsto distribuílas entre residencias de maiores.

Este dispositivo está deseñado para ser empregado de forma ergonómica, cunha zona de agarre separada da zona de contacto. Ao non existir contacto directo con superficies, minimízase o risco de contaxio. As primeiras unidades impresas empezaron a repartirse hai aproximadamente un mes entre o persoal de limpeza do Concello de Santiago e uxieres.

Neste momento, a iniciativa da Concellaría de Centros Socioculturais, estase a traballar con tres impresoras 3D, que fabrican, aproximadamente, uns 27 dispositivos ao día. Tamén se están imprimindo algunhas máscaras, que se están entregando á veciñanza de idade máis avanzada do barrio Grupo Compostela. Cardeal Quiroga Palacios.

Está previsto que, cando remate este período de confinamento, o Departamento de Mocidade organice distintas accións formativas de impresión en 3D destinadas á xuventude.

Compartir: