IGUALDADE

Retómase o programa "Artellando Feminismo" cunha xornada en liña

20/05/2020 A Concellaría de Políticas de Igualdade retoma hoxe mércores o programa Artellando Feminismo cunha xornada en liña de 19:00 a 20:30 horas. A iniciativa seguirá durante este mes e xuño con novas accións online e, en setembro, con dúas presenciais.

Na xornada de hoxe, Jorge Marín reflexionará sobre "Micromachismos e novas masculinidades: o feminismo que (de)constrúe". Crearase un espazo de reflexión onde xerar conciencia sobre a presenza de micro machismos na vida cotiá das persoas e sobre a existencia das novas masculinidades. Farase especial fincapé na necesidade de construír novos patróns de xénero que aposten pola igualdade real entre homes e mulleres, promovendo entre as persoas un exercicio de auto conciencia crítica e activa.

Máis accións
A acción programada para os días 27 e 28 de maio, "Coeducación na infancia para pais e nais de nenos e nenas de 6 a 11 anos", será impartida por Aixa Permuy. O 4 de xuño, Ana Torres Jack achegaranos o relatorio "(Des)aprendendo a construír estereotipos de xénero; o 11 de xuño, Soledad Muruaga falara sobre a saúde das mulleres dende o punto de vista da súa socialización; e o 18 de xuño, Martina González Veiga, axudará as mulleres a coñecerse a si mesmas coa conferencia "Sexualidade feminina".

Dúas destas xornadas, adiadas a setembro, serán presenciais. A primeira, o día 10, é "Prostitución: unha ollada desde dentro", que será impartida por Amelia Tiganus. Na segunda, o 24 de setembro, proxectarase a longametraxe El proxeneta, dirixida por Mabel Lozano. Tras o visionado, haberá un coloquio coa directora. Todas as actividades son de balde. Para participar só hai que inscribirse na web de Artellando Feminismo.

Artellando Feminismo
Artellando Feminismo é un programa deseñado polo Departamento de Igualdade do Concello de Santiago, que dirixe Noa Díaz. Un conxunto de accións encamiñadas a animar á sociedade compostelá a implicarse de xeito activo na transformación social, fomentando a toma de conciencia na igualdade de dereitos e de oportunidades; recoñecendo a contribución da muller ao desenvolvemento social, económico e cultural; dando visibilidade ás desigualdades aínda existentes, promovendo a reflexión e os espazos de creación conxunta e facilitando ferramentas prácticas para desenvolver recursos a favor da igualdade real entre mulleres e homes.

As xornadas, que pretenden ser un espazo de intercambio e aprendizaxe, están dirixidas a todas as persoas interesadas en acadar unha cidadanía responsable dende a participación activa; contribuíndo de forma individual para unha construción colectiva, porque cada persoa que artella feminismo, artella igualdade.

Direcciones relacionadas



Compartir: