POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

A Concellaría de Políticas Lingüísticas continúa reforzando o uso do galego no sector socieconómico

16/05/2020 A Concellaría de Políticas Lingüísticas, co obxectivo de contribuír a unha maior normalización do noso idioma, continúa reforzando o uso do galego entre as empresas. A través do programa Coidar para mellorar, mellorar para coidar, en colaboración co Departamento de Comercio, ofrécese un servizo de asesoramento e unha liña de subvencións para os establecementos que desexen mellorar a calidade da súa comunicación comercial e incorporar o galego.

Estas dúas modalidades de axuda convocáronse por primeira vez en 2019 coa finalidade de ofrecer vantaxes competitivas aos negocios que empreguen a nosa lingua. Complétanse asemade neste obxectivo coa plataforma #galegoempresas, os Premios Manuel Beiras e o concurso Fotolingua, que procuran a súa visibilización con diferentes enfoques. Noa Díaz, concelleira de Políticas Língüísticas, anima as empresas a utilizar o galego. Comunicarse en galego é un valor engadido" para os negocios, sinala. "Coa nosa lingua chegamos, a maiores, a toda a clientela do mercado lusófono; e empregando o galego estamos contribuíndo a unha maior diversidade e riqueza socio-lingüística e cultural.

Precisamente, no deseño destes programas, o Concello tivo en conta o impulso que pode supor para o uso social da lingua galega que as empresas e o mundo laboral a empreguen con normalidade. Ademais, con esta oferta, os negocios poden planificar de maneira integral os seus procesos de adaptación ou cambio para mellorar a competitividade e chegar de xeito máis eficaz á súa clientela.

Este ano, como resultado do interese municipal por paliar os efectos da crise sanitaria, o programa Coidar para mellorar conta cunha dotación de fondos extraordinaria e aumentou a súa cuantía, e tamén os tipos de gasto subvencionable. Deste xeito, un establecemento pode, grazas aos cheques de consultoría, contar cun plan de comunicación xeral adaptado ás súas necesidades e completalo, por exemplo, cun estudo para implantar o comercio electrónico, ademais de obter axudas ata o máximo de 15.000 euros para executar estes proxectos e outros 1.000 para facer fronte a xuros de créditos ou pólizas.

Comunicación comercial
Para optar á liña de subvencións destinada á comunicación comercial, especificamente, os proxectos que se pretendan desenvolver terán que incorporar o galego. O resto das liñas da convocatoria dirixida á mellora e innovación non inclúen esta condición, pero si teñen en conta o uso da lingua por parte dos empresas nos criterios de puntuación.

O procedemento de solicitude está simplificado para facilitar ao máximo este trámite. Só é necesario presentar cuberto o modelo de solicitude e achegar unha memoria descritiva das actuacións que se pretenden e do seu custo. O prazo está aberto ata o 8 de xuño.

Prioritariamente poden optar ás axudas os establecementos comerciais (as bases inclúen no anexo I a listaxe das epígrafes do IAE), mais tamén están abertas a outros sectores, sempre que o tamaño das empresas non exceda de 10 persoas empregadas.

As bases inclúen os criterios de puntuación dos proxectos que se van aplicar para seleccionar as empresas beneficiarias. Con eles procúrase que o galego se incorpore da man da calidade e da eficiencia comunicativa, da valoración do patrimonio cultural, da integración no contexto local e contando co talento profesional no ámbito da comunicación.

O orzamento desta liña de axudas é de 15.000 euros iniciais e pode ampliarse en función das solicitudes que se presenten. Os fondos totais da convocatoria sitúanse inicialmente en 210.000 euros ampliables ata 600.000.

Cheques de consultoría
En canto aos cheques de consultoría, a convocatoria suma un total de 100 servizos de asesoramento posibles, distribuídos en seis modalidades. En cada unha delas, as empresas consultoras que o Concello determine analizarán as necesidades dos negocios e elaborarán un proxecto de mellora coas accións que lles convén acometer para resolvelas, priorizadas e cunha estimación de custo. Ademais do ámbito da comunicación comercial, os negocios poden solicitar asesoramento sobre reforma e acondicionamento dos locais, escaparatismo e mercadotecnia visual, mercadotecnia dixital, comercio electrónico e innovación.

Toda a información sobre estas axudas pode atoparse na páxina coidarparamellorar.santiagodecompostela.gal.

Alén das bases completas e dos modelos de solicitude, a web dispón dun apartado de preguntas frecuentes, dun formulario de consulta e dun teléfono aberto de 9:00 a 16:00 h de luns a venres para resolver calquera dúbida que poida xurdir.

Direccións relacionadas



Compartir: