ALCALDÍA

O alcalde apela á "sensatez" na utilización das terrazas e advirte das consecuencias "terribles" dunha volta atrás

15/05/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, ofreceu hoxe unha rolda de prensa na que analizou diversos aspectos do proceso de desescalada no municipio, como o uso das terrazas, a situación do transporte público e privado ou o réxime de estacionamento regulado.

Sánchez Bugallo referiuse á complexidade da desescalada, porque "dependemos en boa medida da responsabilidade individual e colectiva de cada un de nós", reiterando que "non hai capacidade nas forzas de seguridade para controlar o comportamento de cada persoa". Afirmou comprender "a necesidade de socializar de algúns conveciños e conveciñas, pero deben ser conscientes de que a situación non está superada, e se hoxe tivera que haber unha volta atrás, os resultados serían máis terribles que os da primeira etapa".

Neste sentido, e ante a previsión de bo tempo do sábado e do domingo, o alcalde apuntou que "non queremos repetir os mesmos problemas coas terrazas". Por iso, "para evitar dúbidas, hoxe saíu unha instrución, que desenvolve o decreto da semana pasada, clarificando temas nos que a Asociación de Hostalería plantexou dúbidas interpretativas".

"Se estamos insistindo nas distancias seguridade, é obvio que nunha mesa de catro persoas non pode haber nove, porque non hai distancia de seguridade, nin distancia ningunha", puxo como exemplo, argumentando que "a interpretación sensata é que nunha mesa de catro persoas só pode haber catro persoas".

Tamén se referiu ás beirarrúas, explicando que "se a distancia de seguridade entre mesa e mesa ten que ser de dous metros, tamén ten que haber esa distancia para que os peóns poidan circular pola beirarrúa". Aclarou igualmente que "as terrazas para estar abertas teñen que estar ao aire libre e ter acceso directo á vía pública".

En calquera caso, apelou ao "sentido común", porque o interese primordial que temos que protexer é a saúde e a vida das persoas". En palabras de Sánchez Bugallo, "a hostalaría tamén ten que ser consciente da situación, é responsable do cumprimento da normativa, e debe chamar atención aos clientes e se estes desobedecen chamar ás forzas de seguridade. O que non se pode é mirar para outro lado".

Cómpre lembrar que no aplicativo de "Resposta ao coronavirus" xa está operativo o mapa da ocupación de vía pública autorizada no Concello para terrazas. Nel está especificado o espazo destinado a cada terraza e ás mesas ao 50% de ocupación, como establece a normativa.

Peonalización do Ensanche
Respecto á peonalización de varias rúas do Ensanche, que este fin de semana se ampliará á zona sur deste ámbito, o rexedor espera que "funcione ben e se vai consolidando, e non descartamos outras experiencias no propio Ensanche ou noutras partes da cidade".

Anunciou que mañá sábado se publicara un bando insistindo en aspectos de seguridade para os peóns. "Circulemos pola man dereita, aínda que implique dar unha volta, porque evita interferencias e facilita cumprir coas distancias de seguridade", demandou o alcalde.

Transporte público e privado
Sánchez Bugallo tamén analizou o estado actual do transporte público e privado na cidade: "entre o luns e o xoves, o uso do transporte público en ningún día baixou do 12% e en ningún día alcanzou o 13%, con entre 3.300 e 3.400 viaxeiros ao día, moi lonxe dos 27.500 usuarios/as de antes da crise". Indicou que polo momento se manterá a oferta actual, equivalente ao 60% da oferta ordinaria"

En canto ao tráfico privado, recordou que, antes da crise, nun día normal, se rexistraban 176.000 vehículos diarios, mentres agora as cifras diarias están entre 77.000 e 88.000 vehículos diarios, o que supón en torno ao 50% menos. Aínda así, dixo, "o tráfico privado está tendo unha recuperación máis rápida que o transporte público".

Estacionamento
En relación ao estacionamento regulado, o rexedor apuntou que a ocupación se situou esta semana entre o 60% e o 80%, polo que, "en principio, a semana que vén, o funcionamento da ORA seguirá sendo informativo, pero non contemplamos que esta fase se poida prolongar máis alá da semana próxima se segue a recuperación do tráfico privado", porque "cando a demanda se achegue ao 100% será obrigatorio forzar a rotación".

Festa da Primavera
Preguntado polo destino dos fondos destinados ás suspendidas festas da Ascensión, anunciou que irán para a Festa da Primavera, que está previsto celebrar entre o 25 e o 28 de xuño. Indicou que se está falando sobre a mesma coas asociacións de comerciantes e que irá vinculada a unha campaña titulada "Eu merco aquí", que estará en marcha do 25 de maio ao 28 de xuño. Os detalles serán presentados a próxima semana.

Sobre as festas do Apóstolo, afirmou que "sería un enorme disgusto que non se puideran celebrar" e que só contempla unha suspensión "no caso de que houbera un rebrote, o cal sería un desastre sanitario e un desastre económico".

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: