TURISMO

Turismo de Santiago lanza en redes sociais o vídeo promocional "Ultreia. Compostela Contigo"

14/05/2020 Turismo de Santiago acaba de lanzar un novo vídeo promocional que xira arredor dunha cidade que bota en falta as persoas que a visitan e a percorren ao o longo do ano e que son parte da súa vida cotiá. O vídeo pode verse na páxina web da entidade de promoción turística municipal, www.santiagoturismo.com, e nas súas canles en redes sociais en Facebook, Instagram e YouTube.

Trátase do segundo vídeo da Campaña Ultreia, unha campaña de promoción concibida como unha das principais medidas que Turismo de Santiago deseñou no seu Plan de Accións para a reactivación turística de Santiago tras a crise sanitaria xerada polo COVID-19. O primeiro vídeo, que se subiu ás redes sociais o pasado 6 de abril, superou xa as 150.000 reproducións nas diferentes canles de Turismo de Santiago.

A campaña de promoción de Turismo de Santiago xira arredor de "Ultreia", un termo que dende a Idade Media representou para as persoas que peregrinaban o desexo de camiñar con valentía cara a unha meta común, Santiago de Compostela. "Ultreia" é o saúdo centenario de quen quere perseverar, ir máis aló, seguir adiante.

Neste segundo vídeo, Santiago de Compostela preséntase como unha cidade de acollida, monumental e verde, na que pasear con seguridade. Trátase dunha cidade que logo de dous meses de confinamento e xa no proceso de desescalada, bota en falta as persoas que forman parte da súa esencia: peregrinos/as, turistas, visitantes e estudantes.

O vídeo elaborouse a partires de material audiovisual preexistente. Optouse por esta opción e non por gravar novas imaxes nas semanas pasadas para colaborar tamén na redución de movementos de persoas nas rúas de Santiago. O vídeo conta con versións dispoñibles en galego, castelán e inglés.

Compartir: