PERSOAL

A partir do luns restableceranse progresivamente as actividades dos servizos municipais non esenciais

13/05/2020 A partir do luns, 18 de maio, restableceranse as actividades dos servizos municipais non esenciais afectados pola declaración do estado de emerxencia; e volverase ao horario ordinario de 8:00 h. a 15:00 h. previamente existente. Así o establece o Decreto emitido por Alcaldía de actuación para o persoal empregado público, con motivo da transición cara unha nova normalidade, na que se tivo especialmente en conta a importancia da conciliación familiar e laboral coa axeitada prestación de servizos.

Este decreto, que xa se comunicou ao persoal municipal, deixa sen efecto o anterior, de data 15 de marzo, ditado a raíz a da epidemia da COVID-19; agás a declaración de servizos esenciais que continuará durante o tempo que dure o estado de alarma decretado polo Goberno do Estado.

Ao amparo do citado decreto, a concelleira de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal, ditou a instrución sobre medidas e liñas de actuación para a reincorporación presencial do persoal municipal. Esta instrución ten por obxecto servir de marco xeral que garanta homoxeneidade nos distintos servizos públicos do Concello, á hora de establecer medidas de carácter preventivo, para evitar os riscos da COVID-19 no momento de reincorporación aos centros de traballo.

Segundo esa instrución, esta reincorporación producirase de maneira gradual, de xeito que se manteñan as condicións de seguridade. Tamén se terán en conta as necesidades do servizo, as distancias de seguridade e os aforos, a existencia dos colectivos clasificados en cada momento como grupos vulnerables e a conciliación familiar. O proceso dividirase en varias fases:

- Fase preliminar. Estamos nesta fase, que comezou o 11 de maio. Neste prazo dunha semana as persoas responsables de cada xefatura de servizo ou centro de traballo deberán comunicar á concellaría de Persoal as propostas organizativas do persoal do seu servizo e as propostas de cambios nos espazos de traballo ou instalacións, para dotarse de barreiras, elementos de protección ou separación física, para reubicación ou cambio nos postos, no mobiliario, para a colocación de cartelería, rotulacións e demais medios de seguridade. A Concellaría analizará ditas propostas e dará as oportunas indicacións para a súa efectiva implementación.

- Primeira fase. Esta etapa comezará o 18 de maio, coa reincorporación de maneira efectiva e presencial ao seu posto de traballo do persoal que durante este tempo permaneceu no seu domicilio sen opción ao teletraballo, ben por ser imposible realizar as súas funcións ou porque non dispoñía dos medios necesarios.

- Segunda fase. Está previsto que comece o 25 de maio. Nesta etapa, condicionada pola evolución da crise sanitaria, daranse por rematados os permisos extraordinarios de teletraballo pola COVID-19 do persoal que non ten custodia de menores nin coidado de maiores a cargo, e que non sexa persoal considerado de risco. As xefaturas de servizos organizarán a prestación do traballo de maneira presencial contando tamén de xeito progresivo con este persoal, de modo que permita manter a distancia de seguridade recomendada entre traballadoras e traballadores do servizo.

- Terceira fase: Nesta fase está previsto que se reincorporen ao traballo presencial, as persoas con custodia de menores ou coidado de maiores ao cargo, unha vez que este permiso se levante, tendo en conta a desaparición das circunstancias que o motivan. Poderíanse negociar coas organizacións sindicais outras alternativas que permitan a conciliación laboral e familiar.

- Cuarta fase. Por último, unha vez que as autoridades sanitarias o establezan, e tendo en conta as valoracións do servizo de medicina do traballo, poderán regresar ao traballo presencial o persoal empregado municipal de colectivos considerados sensibles, vulnerables ou de risco, tras a adopción de aquelas medidas que sexan recomendadas.

Durante este tempo manterase a flexibilidade horaria. Co obxectivo de limitar os contaxios, cada xefatura de servizo terá a posibilidade de ofrecer a aquel persoal que voluntariamente queira acollerse, a realización duns horarios de traballo diferenciados ou escalonados comprendidos dentro do tramo horario de oito da mañá a oito da tarde, aínda que o horario preferente seguirá sendo de oito da mañá a tres da tarde, e excepcionalmente poderase autorizar de tres a oito da tarde. De cara a facilitar a conciliación familiar, nas medidas de flexibilidade horaria terán preferencia na elección as persoas que teñen a custodia de menores ou maiores a cargo.

Medidas preventivas
Para garantir a reincorporación segura e a homoxeneidade nas actuacións preventivas e niveis de protección, a instrución ditada pola Concellaría de Persoal formula distintas medidas e liñas de actuación. Por exemplo, se algunha empregada ou empregado presenta sintomatoloxía como tose, febre superior a 37.5 graos, dificultade ao respirar, etc, que puidese estar asociada ao COVID-19, non debe acudir ao traballo. Debe avisar ao Concello da súa ausencia, para que, de ser o caso, poida pór en marcha as medidas de desinfección e os protocolos de illamento que procedan.

No centro de traballo e nas instalacións do Concello adoptaranse as medidas para garantir a separación entre traballadores. Medidas como manter o distanciamento social; instalar mamparas, barreiras de separación e outras formas de delimitación de distancias, se fose o caso. Deberase organizar o traballo de modo que se reduza o número de persoas traballadoras expostas, establecendo regras para evitar e reducir a frecuencia e o tipo de contacto de persoa a persoa. Favorecerase o teletraballo, limitaranse as reunións presenciais e fomentaranse as videoconferencias. Cando sexa posible, habilitaranse mecanismos de control de acceso nas entradas dos locais. Aseguraranse as medidas de hixiene e prevención, reforzando o servizo de limpeza nos centros de traballo, con especial atención as zonas comúns.

A nivel individual, aconséllase a protección adecuada en base ás medidas implantadas e ao establecido polas autoridades sanitarias en cada momento. Ademais, as empregadas e os empregados públicos serán informados das medidas implantadas en cada servizo, así como, das recomendacións hixiénicas para reducir o risco de contaxio.

Teletraballo
O Concello de Santiago de Compostela fixo un esforzo considerable en facilitar esta modalidade de traballo ao seu persoal. Partiu de cero. Pero a día de hoxe, case o 85% do persoal que pode teletraballar estao facendo con normalidade dende os seus domicilios. Tan só 33 persoas, dun total de 265, non puideron optar por esta modalidade ao non dispor dos medios telemáticos necesarios e/ou carecer de internet no domicilio no que están dende o confinamento. Non están incluídos nestas porcentaxes o persoal da Banda de Música, Policía Local nin Servizo de Extinción de Incendios.

Ademais, establecéronse sistemas e mecanismos de traballo que facilitaron as reunións por videoconferencia, evitando ao máximo posible as xuntanzas presenciais, inclusive coas organizacións sindicais.

Para que o teletraballo sexa unha realidade, xa que veu para quedarse, adoptáronse, dende o Concello, distintas medidas. Entre elas a adquisición e instalación de 10 puntos de acceso inalámbricos WIFI para conexión de dispositivos móbiles que faciliten o servizo de videoconferencia para todo persoal do Concello; a subministración de licenzas de Microsoft Office std (20 unidades) e 1 licenza de software; a subministración e instalación de equipos de videoconferencia nas principais salas de reunións municipais nas que se incorporaron cámaras, micrófonos ultidireccionais e altofalantes con suficiente capacidade para un número elevado de persoas; e a subministración e implementación dunha aplicación especificamente desenvolvida para a policía local de calquera concello de ámbito nacional denominada "APPOLO".

Grazas a esta aplicación é posible a planificación e xeración de ordes de servizo, seguimento e control do mesmo de forma telemática, reducíndose ao máximo posibilidades de contacto e contaxio; así como a xeración de alertas e advertencias que permitan comunicar en tempo real calquera risco actual que requira da intervención policial.

Con todas estas medidas que se levaron a cabo, o Concello de Santiago de Compostela puido seguir prestando os seus servizos á cidadanía sen merma da súa calidade, e ademais permitiu unha maior flexibilidade e conciliación para todo o persoal empregado do municipal, sempre volcado no interese xeral da cidade.

Adicionalmente, dende a Concellaría de Modernización da Administración Local están a traballar na extensión do sistema de cita previa ao resto da organización municipal, preferentemente aos servizos con mais frecuencia de atención á cidadanía.

Compartir: