URBANISMO

O Concello autoriza a ampliación das terrazas hostaleiras cumprindo as medidas sanitarias e de saúde pública en vigor

09/05/2020 O Concello de Santiago acaba de autorizar aos establecementos hosteleiros, mediante un decreto de Alcaldía, o incremento da ocupación do dominio público con mesas e cadeiras polo espazo imprescindible para facer factible a instalación do 50% das mesas permitidas nas respectivas licenzas do ano 2019. Con estas instrucións facilítaselle aos locais hosteleiros e de restauración a posible apertura, o vindeiro luns día 11, garantindo as distancias de seguridade que establece a actual normativa sanitaria e, polo tanto, sen pór en risco a saúde da cidadanía.

A medida, que xa entrou en vigor, adóptase co obxectivo de beneficiar ao sector, esencial dentro da actividade económica da cidade e fonte de riqueza e xeración de emprego; e ante a reducción gradual das restricións da mobilidade e do contacto social decretado por mor da pandemia da COVID-19. En principio, a súa vixencia é de catro meses, prorrogables en función da evolución crise sanitaria provocada polo coronavirus.

Pero, para ampliar as terrazas, os establecementos hoteleiros deberán cumprir, ademáis das condicións establecidas nas súas respectivas licenzas, as condicións sanitarias e de saúde pública en vigor. Entre elas manter, en todo caso, a distancia física de dous metros entre as mesas ou agrupacións de mesas. Tamén deben manter esa distancia de dous metros coas entradas dos portais de acceso ás vivendas, coas entradas dos locais comerciais con actividade e cos pasos de tránsito peonil.

Este decreto, que entrou en vigor onte, será ratificado o vindeiro luns na Xunta de Goberno Local. Dende a Concellaría de Urbanismo informan que, dada a actual situación derivada do estado de alarma e a urxencia na resolución, e co obxectivo de simplificar a tramitación, vaise articular, para as empresas hosteleiras e de restauración que demanden a ampliación das terrazas, unha autorización de ocupación vinculada á concesión da licenza vixente do ano 2019. Para tratar todos estes asuntos, está prevista unha reunión coa Asociación Hostalería Compostela o vindeiro luns.

A autorización ten carácter excepcional e temporal, e quedará sen efecto en caso de incumprimento das condicións ou requirimento de acceso, así como prestación de servizos públicos ou de primeira necesidade. Tamén quedará anulada en caso de que a súa efectividade sexa contraria a posteriores ordes ou instrucións dictadas polo Goberno central, ou no caso de que decaia a causa que a xustificou.

Documentos relacionados



Compartir: