ALCALDÍA

Bando do alcalde sobre a peonalización de varias rúas do Ensanche

09/05/2020 Este sábado vén de publicarse un bando do alcalde co fin facilitar a mobilidade da cidadanía agora que se inicia o proceso de transición cara a nova normalidade, e garantir deste xeito o distanciamento necesario para evitar riscos de contaxio.

O Concello considera conveniente que os días de máis afluencia de veciñanza se pechen ao tráfico rodado as seguintes rúas: Xeneral Pardiñas, República do Salvador e Alfredo Brañas, dende as 12.00 horas do sábado 9 de maio ata as 24.00 horas do domingo 10 de maio. O estacionamento de vehículos en superficie nesas rúas tampouco estará permitido durante o referido período de tempo. De xeito excepcional, autorizarase o tránsito de vehículos polas rúas indicadas para acceder a garaxes ou aos aparcadoiros públicos.

Para evitar no posible os riscos de contaxio, os peóns que circulen polas rúas que se pecharon ao tráfico deberán facelo pola súa beira dereita.
Esta medida afectará tamén ás liñas 5, C11 e P6 do transporte público, nos días e horario sinalado. Quedarán suprimidas as paradas da rúa da República do Salvador (liña 5); e do Xeneral Pardiñas nº 35 e nº7 (liñas 5, C11 e P6). Os traxectos serán os seguintes:

Liña 5:
-Traxecto Vite – Rocha: desde Doutor Teixeiro desviarase pola rúa da Rosa, San Pedro de Mezonzo e praza Roxa.

-Traxecto Rocha – Vite: desde República Arxentina desviarase pola praza de Puente Castro, rúa do Hórreo e cambia de sentido na praza de Galicia para acceder á parada habitual na ferretería.

Liña C11: desde a rúa Santiago de Guayaquil desviarase pola rúa do Hórreo e cambia de sentido na praza de Galicia para acceder á parada habitual na ferretería.

Liña P6:
-Traxecto Rosa – Polígono do Tambre: desde República Arxentina desviarase pola praza de Puente Castro, rúa do Hórreo e cambia de sentido na praza de Galicia para acceder á parada habitual na ferretería.

En palabras do alcalde "todos agradecemos a posta en marcha das medidas que nos están permitindo relaxar o confinamento, pero isto non significa que poidamos baixar a garda. O virus segue circulando e será preciso que continuemos adoptando as accións de protección necesarias para impedir que aumenten os contaxios. Nas saídas deben respectarse as franxas horarias establecidas, así como as distancias interpersoais; cómpre evitar as aglomeracións e é máis necesario ca nunca que extrememos as medidas de hixiene".

Finalmente, Sánchez Bugallo apela no seu bando á "responsabilidade individual da cidadanía de Compostela. Nestas circunstancias unha vixilancia exhaustiva do cumprimento de todas as medidas por parte das forzas e corpos de seguridade é absolutamente inviable, polo que depende de cada un de nós achegar o noso grao de area para saír canto antes desta crise Durante este tempo, o voso comportamento foi exemplar e así debe seguir sendo".

"Grazas pola vosa solidariedade, polo voso compromiso e pola compresión que estades a demostrar. Xuntas e xuntos imos conseguilo!", conclúe o rexedor.

Compartir: