PARQUES E XARDÍNS

O acceso ás hortas municipais queda permitido dende este sábado cunhas normas de uso e quendas

01/05/2020 De acordo coa previsión para o levantamento das limitacións de ámbito nacional establecidas no estado de alarma polo Goberno de España, o Concello de Santiago de Compostela permite dende este sábado, 2 de maio de 2020, o acceso ás hortas urbanas municipais baixo certas medidas de seguridade.

Para cumprir as devanditas condicións de seguridade, establécese a división das hortas de cada zona en diversos grupos de hortas alternas, cuxos/as usuarios/as poderán acudir á horta en diferentes días da semana, establecéndose un grupo para os días pares e outro para os impares. Deste xeito, limítase a cantidade de persoas que poidan estar simultaneamente en cada zona.

Para poder desenvolver as actividades hortícolas en correctas condicións de seguridade, protección e distanciamento social, establécese unha serie de medidas adicionais:

1. O uso das medidas de protección persoal (luvas e máscaras) é altamente recomendable, así como o uso frecuente de xabón ou solucións hidroalcohólicas para practicar unha frecuente hixiene de mans.

2. Reducir ao mínimo o contacto físico, gardando unha distancia mínima de 2 metros entre as persoas que se atopen nas hortas.

3. Aumentar a precaución na recollida, manipulación e manexo de colleita e ferramentas, para o cal cancélase o uso da caseta das ferramentas naquelas zonas onde a haxa, sendo preciso ter a ferramenta na casa e desinfectala despois de cada uso. Tamén será necesario desinfectar as billas e calquera outro elemento que sexa manipulado durante o desempeño dos labores realizados.

4. Deberanse evitar reunións ou aglomeracións nas zonas comúns. Para iso, prohíbese o uso de calquera elemento de uso común presente nas hortas, como fontes, bancos ou merendeiros. Tamén hai que ser especialmente coidadosos no momento do relevo das quendas.

5. Para restrinxir as visitas á horta ao mínimo imprescindible, poderae acudir á horta soamente nos días e quendas concretos establecidos segundo o programa.

6. O horario de acceso ás hortas municipais limítase de 8:00 a 20:00 horas. Non obstante, o tempo de permanencia en cada horta será o estritamente necesario para o desenvolemento dos traballos de explotación e recolleita da horta. O feito de que se poida acudir á horta non implica o dereito de permanencia durante toda a quenda.

7. O número simultáneo de persoas por horta queda limitado a dúas. Os/as usuarios/as deberán ter no seu poder, como xustificante de acceso ante as autoridades, a copia da autorización de uso onde se lles recoñeza como beneficiarios/as da horta.

8. En ningún caso se poderá acceder fóra dos días fixados para cada un/unha e non se xestionarán cambios de días/quendas.

9. Non se permitirá acudir ao coidado das hortas municipais no caso de haber unha distancia superior a 5 Km da súa residencia habitual.

10. Non se descartan novas medidas de flexibilidade segundo evolucione a situación actual, das que se informará puntualmente.

Compartir: