ALCALDÍA

Grande acollida da oferta de cursos online do Concello, para os que xa só quedan unhas 200 prazas

17/04/2020 A oferta de cursos online e gratuítos presentada onte polo Concello tivo tal acollida que unicamente quedan 200 prazas dispoñibles. Boa parte dos cursos, especialmente os de idiomas, esgotaron as súas prazas e algúns deles xa poderían comezar a impartirse hoxe mesmo. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, expresou o seu agradecemento a "todos os homes e mulleres de Santiago pola acollida que tiveron", e animounos/as a que "este non sexa tempo perdido, senón tempo aproveitado".

Sánchez Bugallo indicou que a maioría dos cursos xa teñen cubertas as prazas, especialmente os de idiomas e que esta verificando o cumprimento das dúas condicións de acceso para os/as solicitantes: ser maiores de 16 anos e estar empadroados/as en Santiago. No caso destes cursos coas prazas esgotadas apuntou que, unha vez realizada esta verificación, "se quedan prazas, abrirase un novo prazo de convocatoria e por rigoroso orde de entrada de solicitudes".

"Para estes curso xa cubertos había 1.080 prazas e 1.200 solicitudes", explicou o rexedor, quen adiantou que "se o número de solicitudes supera o de prazas, intentaremos buscar unha solución para que ninguén quede fóra". En calquera caso, lembrou que aínda quedan unhas 200 prazas dispoñibles en varios cursos de informática das 420 ofertadas. Finalmente, anunciou que "probablemente, os cursos completos xa se poidan iniciar hoxe".

De balde
A inscrición nestes cursos é de balde. Realízase a través do portal web de Talentia Summit dun xeito moi sinxelo e en tres pasos: selección do curso no que se está interesado e inscrición no mesmo deixando os datos de contacto. En dous ou tres días, se todo está correcto, a persoa interesada recibe unha clave de acceso a plataforma online que lle permitirá realizar a actividade formativa.

As persoas participantes terán acceso ao material mediante a citada plataforma, dispoñible as 24 horas do día todos os días da semana. Tamén disporán dunha titoría durante o horario laboral para a xestión de incidencias e control da progresión formativa. Ademais, recibirán un diploma acreditativo oficial se completan satisfactoriamente o itinerario formativo.

Os cursos online están dirixidos principalmente a persoas desempregadas, persoas traballadoras en ERTE, persoas empregadas en PEMES, e traballadores/as autónomos/as. Cada persoa poderá realizar só un curso online ao mesmo tempo, e cando o remate, poderá realizar outro se o desexa, ata que se esgoten as prazas. Serán, en total, 4.700 horas de formación.

Direccións relacionadas



Compartir: