IGUALDADE

A campaña "Rompe o silencio" lembra ás mulleres vítimas de violencia machista que poden denunciar e á cidadanía que debe auxiliar

14/04/2020 O Concello de Santiago de Compostela pon en marcha a campaña "Rompe o silencio" para previr a violencia contra as mulleres no contexto do confinamento debido á crise sanitaria do COVID-19. A campaña, enmarcada no Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, pretende, dunha banda, implicar a cidadanía na resposta contra a violencias machista, e doutra, reforzar a difusión dos recursos aos que poden acudir as mulleres que poidan estar sufríndoa.

A Concellaría de Igualdade quere difundir a mensaxe de alerta e de posibilidade de auxilio e denuncia das mulleres que poidan estar a sufrir violencia de xénero nos fogares durante os días que dure o confinamento doméstico. Baixo o lema "Rompe o silencio. Tecendo redes contra as violencias machistas" e a través dos medios de comunicación e das canles de difusión de Territorio das Mulleres, o Concello lanza unha mensaxe: "estamos moi pendentes e acompañamos ás mulleres que o precisen", segundo explicou a concelleira de Igualdade, Noa Díaz, durante o tempo que dure o confinamento e segundo se vaia levantando paulatinamente.

"As posibles vítimas de violencia de xénero son un colectivo especialmente vulnerable nesta situación de illamento domiciliario, pois poden verse forzadas a convivir 24 horas co seu agresor, cos seus fillos tamén expostos a esa violencia", sinalou a concelleira. Isto vénse demostrando "en situacións parcialmente análogas, como os períodos vacacionais, cando se disparan os casos de violencia doméstica", dixo, polo que é preciso "reforzar a mensaxe de que estas mulleres non están soas e poden denunciar".

A campaña ten tres vertentes: alerta, alarma e acompañamento. Dunha banda alerta á cidadanía compostelá para "aumentar a concienciación social sobre esta problemática e implicala nunha resposta colectiva contra as violencias" no que queda do mes de abril e no que se vaia prolongando en maio -pois prevese que a articulación social sexa paulatina e escalonada-. A veciñanza pode e debe denunciar os episodios de violencia doméstica que escoite no teléfono do 112. "Auxiliar en caso de alerta é un deber. Se escoitas ruídos e berros, non o dubides. Chama ao 112 ou ao 091", sinalan as mensaxes da campaña.

Doutra banda, recórdase ás posibles vítimas de violencia os datos de contacto aos que poden acudir en caso de alarma ou perigo: "Os teléfonos 016 e o 900 400 273 non deixan pegada".

Finalmente, a campaña lembra á cidadanía en xeral e ás vítimas en particular que o Centro de Información á Muller conta cun equipo técnico que segue acompañando e atendendo as súas usuarias, que se contan por centos. Para calquera consulta ao CIM está aberto no teléfono 981 452 467 en horario de 8:00 a 20:00 horas. Tamén atende no correo cim@santiagodecompostela.gal.

Direccións relacionadas



Compartir: