CONSORCIO

Máis de 200 publicacións enchen as seis bibliotecas que edita o Consorcio

03/04/2020 O Consorcio de Santiago leva editadas 208 publicacións dende a súa creación no ano 1992. A área editorial está composta por seis bibliotecas: científica (63), de divulgación xacobea (60), literaria (39), infantil e xuvenil (25), facsimilar (11) e de imaxes (10).

A xerente da entidade, Belén Hernández, destaca o valor do legado que unha colección "así" supón para a cidade: "Estamos ante un compendio de obras de gran calado en materia de investigación e coñecemento sobre Santiago. A súa dimensión divulgativa é transcendental, e a colaboración das editoriais, imprescindible. Tamén o papel do responsable, Juan Conde, é extraordinario, pola súa dedicación incansable e metódica na selección das obras, escrutinio dos textos e elección dos formatos e calidades acaídos".

Supuxo un paso "importantísimo" no campo das publicacións relacionadas coa cidade, segundo explica Conde, xa que ata a súa aparición os referentes eran "escasos", agrega. "Foron uns inicios duros, inaugurados por Darío Villanueva, pero o público empezou a valorar as publicacións do Consorcio ao ver que os autores que confiaron en nós son investigadores da USC de primeiro nivel, e a súa calidade non deixa lugar a dúbidas. Hoxe cítanse na inmensa maioría dos traballos de investigación e xa son un referente na cidade e Galicia. Había una gran baleiro que creo que se está a cubrir con acerto", destaca o responsable de publicacións e exposicións da entidade.

A colaboración en coedición con outras firmas resulta "primordial" para a difusión dos libros, subliña Conde. "Cada libro é diferente e detrás de cada un hai unha historia. É unha gran satisfacción ver como unhas páxinas escritas no pecé se converten nun libro meses despois", conclúe.

Historia de la ciudad de Santiago, coordinado polo profesor Ermelindo Portela –"era unha débeda coa cidade"–; a edición facsimilar da Viaxe de Cosme de Médicis a Santiago ¬–"un dos primeiros publicados en gran formato"–; Ángeles de Compostela, de Gerardo Diego, e Seis poemas galegos, de Lorca; a colección infantil Branco de Cores ¬–foi un éxito entre os cativos–; e os dous volumes de Pablo Costa sobre o urbanismo de Compostela, constitúen a selección que fai Conde, "sempre imperfecta e subxectiva", de toda a colección. O seu departamento ten enriba da mesa varias propostas e ideas que se están a barallar e analizar de cara á celebración do Ano Xacobeo 2021.

Compartir: