MEDIO AMBIENTE E CENTROS SOCIOCULTURAIS

A web da Tropa Verde ofrece xogos e obradoiros relacionados coa reciclaxe e co medio ambiente

01/04/2020 O Concello de Santiago, a través do proxecto Tropa Verde, desenvolvido polas concellarías de Medio Ambiente e de Centros Socioculturais, ofrece distintas actividades didácticas e de ocio relacionadas coa reciclaxe e co medio ambiente. Dende xogos para aprender a separar residuos ou facer compostaxe ata obradoiros para construír unha depuradora, un forno solar ou fabricar papel reciclado. Estas actividades, que se poden atopar na web da Tropa Verde, súmanse ás ofertadas polos departamentos de Cultura, Deportes, Lingua Galega e Mocidade, baixo o hastag #Compostelaquedanacasa.

O obxectivo, segundo sinalaa concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, é que "o tempo de confinamento se converta en tempo de ocio, no que todos os membros da familia se divirtan e se formen xogando". Neste caso, pequenos e maiores aprenden a concienciarse da importancia de preservar o medio ambiente a través da regra das tres erres: reciclar, reutilizar e reducir. Para iso, a páxina de Tropa Verde ofrece distintas actividades e obradoiros, como:

Cantos sabes de reciclaxe? Reciclar é unha tarefa de todos e para todos, tal e como mostra esta sinxela actividade que axudará, a pequenos e maiores, a separar o lixo e a recoñecer os diferentes contedores pola súa cor.

Canto sabes da compostaxe? A compostaxe é a maneira de converter os biorresiduos, que supoñen o 53% da bolsa do lixo municipal, nun produto fertilizante. Consiste nun proceso aerobio (con aire) e termófilo (con aumento de temperatura) no que están implicados organismos e microorganismos descompoñedores naturais; e no que é necesario mesturar residuos de cociña e xardín con restos leñosos e secos de podas, serraduras e follas, para producir o compost. Por cada 100 quilos de materia orgánica obtéñense uns dez quilos de compost peneirado. Aprende todo este proceso neste divertido xogo.

Como facer papel reciclado? Esta actividade está pensada para, dun xeito didáctico, aproveitar os folios escritos, revistas, folletos informativos e periódicos que sobren, e transformalos en papel branco reciclado listo para ser usado.

O forno solar. Seguro que ninguén imaxinou que unha caixa de zapatos podía transformarse nun forno solar. Pois é posible, e no proxecto Tropa Verde explícase como, ao mesmo que toda a familia aprende sobre enerxías renovables.

Taller de creación dunha depuradora. Un obradoiro moi sinxelo que permite estudar os medios empregados para renovar a auga contaminada, comprender o concepto de depuración, asimilar o funcionamento das plantas depuradoras e construír a nosa propia depuradora a través da experimentación só con dúas botellas de plástico, algodón, area, terra, pedras e auga.

Reutiliza material da túa casa. Reutilizar é a acción que permite volver utilizar os bens ou produtos refugados e darlles un uso igual ou diferente a aquel para o que foron concibidos. Este proceso fai que cantos máis obxectos volvamos reutilizar menos lixo produciremos e menos recursos teremos que gastar. Neste apartado poderás ver distintos exemplos de reutilización.

Tropa Verde
O proxecto Tropa Verde, unha plataforma web creada pola empresa Teimas Desenvolvemento, ten por obxectivo fomentar a reciclaxe e a responsabilidade ambiental entre a cidadanía, premiando de xeito directo as boas accións medioambientais. Para iso son necesarios tres elementos: a cidadanía, os espazos onde depositar os residuos, nos que premiarán estas boas prácticas con cheques-agasallo; e os comercios e establecementos de hostalería que colaboran aportando premios e/ou descontos.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Javier Fernández, explica o funcionamento de Tropa Verde: "as persoas interesadas neste proxecto poden depositar os refugallos en distintos centros socioculturais da cidade. Segundo o volume e os residuos depositados (pilas, aceite, etc.) reciben uns vales que despois poden descontar nos establecementos asociados ao programa".

A través do proxecto Tropa Verde, que desenvolve a Concellaría de Medio Ambiente en colaboración co Departamento de Centros Socioculturais, Santiago lidera unha das 25 redes de transferencia do programa europeo URBACT III 2014-2020: a de intercambio de aprendizaxe para o desenvolvemento urbano sustentable e integrado.

Compartir: