ACCIÓN CULTURAL

A última creación de Matarile Teatro, "Daimon y la jodida lógica", chega ao Auditorio de Galicia

11/03/2020 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou esta mañá a última creación de Matarile Teatro, Daimon y la jodida lógica, que se representará este sábado 14 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia. Na rolda estivo acompañada de Ana Vallés e Baltasar Patiño, directores creativos da compañía.

Matarile regresa ao Auditorio de Galicia tras pasar polo Festival de Otoño de Madrid, que vén de acoller unha retrospectiva dos últimos traballos da compañía. Con máis de 30 anos de oficio, Matarile continúa investigando sobre novos linguaxes e formatos.

Estreada o pasado mes de setembro en Vigo, Daimon é danza, teatro, palabra, xogo filosofía, música en directo, luz e espazo con nove intérpretes en escena. O título baséase no concepto mitolóxico que pode significar, segundo o contexto, "o destino, a voz da conciencia, a intuición, anxo ou demo, o rumoreo da voz interior que detén ou empuxa. Presenza oculta, imprevisible, que determina actos e decisións que non podemos explicar racionalmente", afirma Ana Vallés.

O traballo cos intérpretes céntrase en "buscar un equilibrio entre o verdadeiro e o verosímil" e, desta maneira, reflectir "o misterio, o inexplicable que hai detrás das persoas, o que move, impulsa e emociona". Para iso, a directora artística contou cun elenco formado en parte por artistas habituais da compañía (Celeste González, Ricardo Santana, Nuria Sotelo, Nacho Sanz, Alba Loureiro), e catro novas incorporacións (Ana Cotoré, Neus Villà Jürgens, Cristina Hernández Cruz e Jorge de Arcos), dúas delas froito de dúas convocatorias públicas ás que se presentaron máis de 150 persoas realizadas no Azkuna Zentroa de Bilbao e no Centro de Danza de Zaragoza.

En canto ao resto de elementos artísticos, volve ser primordial a música orixinal, con presenza dos creadores sobre as táboas (Nacho Sanz, Alba Loureiro, Cristina Hernández e Baltasar Patiño, este último tamén é o produtor musical). A produción musical é tratada de forma especial, xa que se producen modificacións na sonoridade dos instrumentos en tempo real. Ademais, a iluminación, selo de calidade da compañía, funciona como atmosfera creando o que se chamou "espazo elocuente".

Matarile Teatro
Compañía dirixida por Ana Vallés e Baltasar Patiño, que contan cunha traxectoria de 33 anos dedicados á creación dun teatro caracterizado pola innovación enmarcado nas artes escénicas contemporáneas. Na súa creación combinan distintas linguaxes en colaboración con artistas de distintas procedencias e traxectorias artísticas, e buscando sempre a excelencia na calidade artística e técnica da súa posta en escena.

A Fundación SGAE deu a coñecer que Matarile opta a dous Premios Max polo seu espectáculo Os limóns, a neve e todo o demais -a mellor espectáculo de danza e a mellor intérprete feminina de danza-, espectáculo que se puido ver no Auditorio de Galicia en 2019.

Ana Vallés foi finalista ao Premio Max 2019 á mellor dirección de escena polo espectáculo Circo de pulgas.

Entradas
A función, encadrada na programación A escena! Temporada de Artes Escénicas 2020, ten as entradas á venda en compostelacultura.gal e no despacho de billetes do Teatro Principal (que abre de martes a sábado (+ días de evento) de 18:00 a 21:00 horas, ou dende unha hora e media antes de que comece o espectáculo) e no do Auditorio de Galicia (dende unha hora e media antes de que comece a función).

O prezo das entradas é de 10 € (cos descontos habituais do 50% para persoas desempregadas, perceptoras de rendas sociais, xubiladas, maiores de 65 anos, menores de 25 anos, estudantes e membros de familias monoparentais ou numerosas).

Compartir: