DEPORTES

Aprazado o Torneo Viravolta-Jael de Ximnasia Rítmica

11/03/2020 A organización do VII Torneo Viravolta-Jael de Ximnasia Rítmica, que se ía celebrar en Compostela o próximo 21 de marzo, decidiu aprazar a súa celebración, seguindo as recomendacións das autoridades sanitarias e deportivas en relación coa contención do coronavirus. En función da evolución das circunstancias sanitarias e dos calendarios deportivos, o club buscará unha nova data para levar a cabo a cita, que se ía presentar este mércores nunha rolda de prensa en Raxoi.

A organización indica que a suspensión decidiuse poñendo a saúde das ximnastas e do público por diante de calquera outra consideración. Máis de 600 deportistas, procedentes de toda Galicia e doutras cidades españolas tiñan confirmado a súa presencia no evento, ademais de integrantes do Conxunto Nacional e da Selección Española. Desta forma, evítanse desprazamentos non imprescindibles e contribúese ao esforzo por conter o brote.

Ademais, a organización tivo en conta o carácter solidario do torneo, cuxa recadación se destina a proxectos da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG). Segundo indican, competir a porta pechada, sen público, non tería ningún sentido.

O Club Ximnasia Viravolta e Jael traballan xa na busca de novas datas para o campionato. Estas se fixaranse en función da evolución da situación co coronavirus e do propio calendario competitivo, que quedou trastornado coa decisión de restrinxir os eventos deportivos durante as próximas semanas.

Compartir: