MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

Protección Civil de Santiago recibiu case 2.000 chamadas en 2019

11/03/2020 O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, presentou a memoria de actividades do 2019 da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Santiago de Compostela. Na rolda estivo acompañado da súa responsable, Begoña del Río, quen deu conta tamén do 24 aniversario da Agrupación neste mes de marzo.

Gonzalo Muíños destacou o labor dos voluntarios de Protección Civil como "fundamental e imprescindible" para a atención de diversas incidencias, servizos que se prestan a diferentes colectivos, organización de eventos, etc. Por iso, mostrou o agradecemento pola "súa vocación de servizo público e polo seu traballo".

No pasado ano 2019, Protección Civil de Santiago recibiu case 2.000 chamadas do 112, a maioría por accidentes ou para recollida de animais, pero tamén por lumes e rescates ou para atención sanitaria, case sempre nos Camiños. A propósito do traballo nas rutas xacobeas, o concelleiro lembrou que "a vixilancia dos Camiños é diaria mañá e tarde durante oito horas, e sen dúbida o seu traballo vai ser tamén fundamental no próximo Ano Santo".

Pero ademais, os voluntarios e voluntarias levaron a cabo case 500 operativos máis, que teñen que ver con concertos como os de Bob Dylan ou Alejandro Sanz, festivais coma O Son do Camiño, partidos do Obradoiro ou do Compostela, carreiras, voltas ciclistas e outros eventos deportivos, cabalgatas, festas da Ascensión e do Apóstolo, diversos labores relacionados cos temporais, simulacros, recollida de animais…

Recordou Gonzalo Muíños que Protección Civil traballa sempre en estreita colaboración cos distintos corpos de seguridade ou emerxencias. Isto lévaos a participar en operativos como o da busca da persoa caída ao río en Sigüeiro ou no rescate dunha persoa dentro da furgoneta caída ao río en Vidán.

Tampouco se quixo esquecer o edil do labor de captación de novos voluntarios que fai a Agrupación, nin do traballo formativo que realizan nos centros educativos. Ademais, Protección Civil recibiu este ano varios recoñecementos ao seu traballo, como o outorgado na Gala do Deporte ou o concedido pola Federación Galega de Atletismo.

24 anos de servizo altruísta
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil -AVPC- de Santiago de Compostela cumpre este mes 24 anos de actividade. Tal como apuntou Begoña del Río, "aínda que son moitísimas as cousas que mudaron nestes anos -os medios, a formación, o material, etc- hai algo que segue intacto: a ilusión por axudar, o altruísmo, a xenerosidade, o compañeirismo e a vocación de servizo público".

Tras facer un repaso polas diferentes persoas que ostentaron algunha responsabilidade sobre a Agrupación durante estes anos, referiuse aos diferentes traballos que realizan e lembrou algún dos operativos que máis transcendencia tiveron nestes anos. Así, falou da Andaina Solidaria en prol da petición de liberdade para José Antonio Ortega Lara e Cosme Delclaux efectuada no Camiño de Santiago en febreiro de 1997, ou da madrugada do 22 de maio de 1997 cando a terra tremeu en Santiago e voluntarios/as estiveron toda a noite comprobando pontes e grandes estruturas da cidade, en prevención de danos ou derrubes.

Nas retinas de todos está tamén aquel novembro do 2002 no que o Prestige tinguiu de negro ás costas galegas e o Voluntariado desta Agrupación de Protección Civil axudou en Camariñas. No ano 2004, un Boeing 747 con 487 persoas a bordo que facía a ruta Surinam-Holanda tivo que facer ás 07:50 horas unha aterraxe de emerxencia en Lavacolla por conato de incendio na adega, e o Voluntariado encargouse de aloxar ao pasaxe, entre o que había setenta nenos e nenas.

Sen dúbida, un punto de inflexión foi o accidente do tren Alvia, o 24 de xullo de 2013, cunhas xornadas intensas e de moito traballo en diferentes ámbitos.

A Agrupación de Protección Civil Santiago de Compostela abrangue unha ampla franxa de idade de voluntariado -dos 16 aos 60 anos- no que conviven persoas moi distintas cunha mesma entrega: nai e fillo, pai e filla, irmáns, parellas, cada un "coa súa personalidade, pero todos coa mesma finalidade: axudar, as 24 horas do día os 365 días do ano", indicou Begoña del Río. A Agrupación está formada na actualidade por 50 voluntarios/as.

Compartir: