ACCIÓN CULTURAL

O Festival Atlántica celebra a gala inaugural da súa oitava edición

10/03/2020 Este mércores, 11 de marzo, vai dar comezo a oitava edición do Festival Atlántica de Narración Oral cun dos espectáculos clásicos deste encontro: a gala inaugural. Baixo o título de "Varios ventos", boa parte dos artistas do Atlántica vanse xuntar para brindar un petisco da súa arte no escenario do Teatro Principal a partir das 21:00 horas. As entradas teñen un prezo de 12 euros e é posible adquirilas na web da Abanca e tamén na billeteira do propio Teatro Principal de 18:00 a 21:00 horas e o mesmo día da función.

Coa denominación de "Varios ventos" faise alusión ás voces que desta volta van encher de contos o Festival Atlántica. Haberá tempo para a tradición oral aragonesa que tan ben coñece Sandra Araguas (Huesca) e para as historias do polifacético Fernando Saldaña (Salamanca), tamén popular polas súas facetas como mago, actor, director de teatro, ilustrador e humorista gráfico.

Doutra beira do Atlántico chegarán as narracións e a música de Aline Cântia e Chicó do Céu (Brasil), fundadores do Instituto Cultural Abrapalavra Arte, unha referencia internacional en proxectos sobre educación e memoria social. E, por suposto, non faltarán as voces galegas: Cris de Caldas, Quico Cadaval, Sole Felloza, Celso F. Sanmartín, Cándido Pazó, Charo Pita, Santi Prego e María da Pontragha. Ademais, todos estas intervencións van ter como fío condutor a música de Marcelo Dobode.

Con "Varios ventos" comeza o intenso programa do VIII Festival Atlántica, que se desenvolverá ata o vindeiro 20 de marzo, coincidindo co Día Internacional da Narración Oral. 25 contadores de Colombia, Brasil, Portugal, Venezuela, Palestina e Galicia van brindar case sesenta espectáculos repartidos nos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña, Ourense, Vigo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén e Ames.

Direcciones relacionadas



Compartir: