EDUCACIÓN

O Concello e Kalandraka convocan o XIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

10/03/2020 O Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora convocan o XIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros. O prazo de presentación dos traballos rematará o 30 de abril de 2020 e o fallo do xurado darase a coñecer durante a primeira quincena de xuño no marco das actividades da XX Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago. Os detalles do certame foron presentados este martes pola concelleira de Educación, Noa Díaz; a coordinadora de Kalandraka Editora, Manuela Rodríguez; e a responsable do Departamento de Educación, Beatriz Varela, na mesma rolda de prensa na que se ofreceu a información da XX Campaña Municipal de Animación á Lectura, na que se enmarca este galardón.

Ao XIII Premio Internacional Compostela poden optar autores/as e ilustradores/as de calquera nacionalidade con obras orixinais e inéditas, escritas en calquera lingua oficial da Península Ibérica. As persoas interesadas en participar no certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en color de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto.

Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato; a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas). O material, asinado baixo lema ou pseudónimo, e cos datos persoais dos participantes incluídos nun sobre pechado, enviarase ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende nº4, 15705 Santiago de Compostela).

Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares —galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués— en novembro de 2020. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. O xurado estará formado por profesionais de recoñecido prestixio no eido da literatura e da ilustración infantil. As bases completas de participación no XIII Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados poderán consultarse nas páxinas web de Kalandraka e do Concello de Santiago.

Obras premiadas en edicións anteriores
A gañadora da primeira edición do Premio Internacional Compostela foi a arxentina Natalia Colombo, autora e ilustradora da obra titulada Cerca. Ao ano seguinte, o mexicano Felipe Ugalde recibiu o galardón por Un gran soño. O autor Pep Bruno e a ilustradora Mariona Cabassa foron distinguidos na terceira edición polo libro A familia C. O uruguaio Martín León Barreto gañou a cuarta convocatoria con A viaxe de Olaf. Seguiulle Bandada, dos mexicanos Julia Díaz e David Álvarez. Na sexta edición a obra elixida foi Mamá, da arxentina Mariana Ruiz Johnson. Na convocatoria de 2014 foi premiado Ícaro, do pacense Federico Delicado. A galardoada en 2015 foi Despois da chuvia, do cordobés Miguel Cerro. Ao ano seguinte, o premio recaeu nos autores gregos Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi por Unha última carta. Na décima edición gañou A horta de Simón, da arxentina Rocío Simón. Fran Pintadera e Christian Inaraja foron os autores galardoados en 2018 por Cándido e os demais e, o pasado ano, a húngara Mariann Máray co álbum O can de Milu.

Recoñecementos
Ao longo destas doce convocatorias, o certame suma unhas 3.000 obras presentadas dende numerosos países. Ademais, algúns dos libros distinguidos co Premio Compostela teñen colleitado outros recoñecementos de ámbito estatal e internacional: figuran na Lista de Honra IBBY, na selección The White Ravens, no Premio Cuatrogatos e, recentemente, a obra distinguida na undécima convocatoria obtivo o Premio Nacional aos Libros Mellor Editados na categoría infantil-xuvenil.

A convocatoria do certame enmárcase na Campaña de Animación á Lectura que organizan anualmente o Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka. As actividades programadas —sesións de contos e música para público infantil e familiar, obradoiros escolares de ilustración e de escrita creativa, contacontos para pre-lectores, charlas para docentes, nais e pais, exposición de ilustracións— chegan a máis de 5.000 nenos e nenas da bisbarra compostelá.

Direccións relacionadas



Compartir: