EDUCACIÓN

XIV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados

01/03/2021 O Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela e Kalandraka Editora convocan o XIV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros. O prazo de presentación dos traballos rematará o 14 de maio de 2021 e o fallo do xurado darase a coñecer durante a última quincena de xuño.

Ao XIV Premio Internacional Compostela poden optar autores e ilustradores de calquera nacionalidade con obras orixinais e inéditas, escritas en calquera lingua oficial da Península Ibérica. As persoas interesadas en participar no certame deberán enviar cinco copias do texto, tres ilustracións orixinais e cinco fotocopias en color de cada unha delas, xunto cunha maqueta acabada de todo o proxecto.

Os proxectos poderán presentarse en calquera tamaño, técnica e formato; a extensión non deberá superar as 40 páxinas interiores (sen contar gardas nin cubertas). O material, asinado baixo lema ou seudónimo, e cos datos persoais dos participantes incluídos nun sobre pechado, enviarase ao Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa do Presidente Salvador Allende nº4, 15705 Santiago de Compostela).

Kalandraka publicará a obra premiada nas cinco linguas oficiais peninsulares —galego, castelán, català, euskara e portugués— en novembro de 2021. A editorial poderá publicar tamén os traballos que reciban unha mención especial. O xurado estará formado por profesionais de recoñecido prestixio no eido da literatura e da ilustración infantil. As bases completas de participación no XIV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados poderán consultarse ao pé desta información e na páxina web de Kalandraka.

Compartir: