DEPORTE E PATRIMONIO

A proba nocturna "SantYaGo10K" formará parte un ano máis do Circuíto de Carreiras "Cidades Patrimonio da Humanidade"

05/03/2020 Este xoves presentouse en Salamanca o III Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade, actividade que organiza o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, en colaboración con EDP e Paradores. As carreiras que integran este calendario atlético terán lugar ao longo de 2020 e transcorrerán total ou parcialmente na zona patrimonial de cada unha das 15 españolas rexistradas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. O Circuíto chegará a Compostela o sábado 2 de maio, coa celebración da proba nocturna SantYaGo10K.

Este Circuíto xa se ten consolidado coma un referente de participación popular en España: 17.891 persoas correron na segunda edición, das que 14.989 foron homes e 2.902, mulleres. O calendario desta terceira edición arrincará o 15 de marzo en Úbeda coa Carreira Entre Culturas e concluirá o 5 decembro de 2020 Cursa Popular Eivissa Patrimoni de la Humanitat.

As carreiras cobren distancias que oscilan entre o 10 quilómetros e o maratón, e das 15 que integran o Circuíto será necesario finalizar polo menos catro delas para optar á clasificación final. Haberá un sistema de puntuación que primará e favorecerá a participación, por riba do nivel deportivo, para atraer un público popular.

O obxectivo principal do Circuíto é dar a coñecer as 15 Cidades Patrimonio da Humanidade a través das carreiras populares e, á súa vez, fomentar a actividade física e deportiva, propiciando a ocupación do tempo de lecer nunha das prácticas deportivas máis comúns e fáciles de levar a cabo, como é a carreira a pé.

Este proxecto, co que o Grupo une patrimonio e deporte, iniciouse en 2018 con motivo do 25 aniversario da creación da rede e formou parte dos numerosos actos cos que a entidade celebrou os seus 25 anos de traballo conxunto. A actividade enmárcase na liña de traballo que impulsa o Grupo dende a Comisión de Educación, Cultura e Deporte, presidida polo alcalde de Salamanca e formada polos 15 concelleiros desta área.

Inscricións
Poderán tomar parte no III Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade todas as persoas que teñan cumpridos 18 anos o mesmo día de comezo da primeira das probas que compoñen o Circuíto, sendo obrigatoria a inscrición dos/das corredores/as a través do formulario online aloxado na páxina web do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España. A inscrición a este Circuíto non supón a inscrición automática nas diferentes carreiras que compoñen o calendario, senón que cada participante deberase inscribir de forma individual naquelas nas que desexe participar de acordo ás condicións e prazos establecidos para iso por cada unha das entidades organizadoras das mesmas.

Premios
Establécense dúas categorías, absoluta masculina e absoluta feminina, e a puntuación final será o resultado da suma das puntuacións obtidas en todas as probas en que participase cada corredor/a, de acordo ao Regulamento, a condición de que se acredite finalizar un mínimo de catro carreiras.

Ademais dos premios que cada deportista obteña en cada unha das carreiras en que compita, definidos polos organizadores, os/as participantes no III Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade poderán obter os seguintes premios, outorgados por EDP e Paradores: 1.000 euros en metálico, un ano de electricidade renovable gratuíta (EDP) e dúas noites de aloxamento en media pensión nun Parador para o primeiro/a clasificado/a na categoría absoluta masculina e feminina; dúas noites de estancia en aloxamento e almorzo nun Parador para o/a segundo/a clasificado; e unha noite de estancia en aloxamento e almorzo nun Parador para o/a terceiro/a clasificado/a.

Ademais, aos/ás 100 corredores/as mellores clasificados/as que finalicen un mínimo de catro carreiras das que compoñen o III Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade entregaráselles un premio especial, consistente nunha bolsa mochila con material informativo sobre as 15 Cidades Patrimonio da Humanidade.

Direcciones relacionadas



Compartir: