MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

Policía Local, Garda Civil e CNP realizaron durante a pasada semana máis de 500 probas de alcoholemia e drogas, con 12 positivos

02/03/2020 Ao longo desta pasada semana, a Policía Local realizou controis preventivos de alcohol e drogas en varios puntos do municipio, algúns en colaboración coa Agrupación de Tráfico da Garda Civil e outros co Corpo Nacional de Policía.

Realizáronse 503 probas de alcoholemia, detectándose oito condutores/as con taxas de alcohol superiores ás permitidas, aos/ás que hai que sumar outras catro denuncias por condución con presenza de drogas no organismo (18 probas). Nos controis tamén se tramitaron tres denuncias por falta da ITV en regra, dúas por carecer os vehículos de seguro obrigatorio e unha a un condutor que levaba un vehículo tendo retirado o permiso de conducir por perda total de puntos.

Efecto multiplicador do risco de accidente
A Policía Local recorda que a presenza de alcohol durante a condución, dependendo da taxa, multiplica entre 2 e 15 o risco de sufrir un accidente. Esta substancia non só está relacionada cos accidentes, senón que tamén repercute nunha maior mortalidade, ao ser un factor vinculado cun peor prognóstico nas lesións sufridas.

Segundo datos achegados pola DXT, o 23% dos condutores falecidos en 2018 tivo resultado positivo na proba de alcoholemia, o 12% no caso dos condutores feridos hospitalizados, o 8% nos condutores feridos non hospitalizados e o 7% nos condutores ilesos.

En calquera caso, aínda con taxas de alcoholemia dentro das marxes legais permitidas, o noso nivel de risco de accidente de tráfico pode verse incrementado. A única taxa segura é 0,0%.

Por outra parte, conducir despois do consumo de substancias psicoactivas é un feito cada vez máis frecuente, sendo o cannabis (THC) e a cocaína as máis frecuentes. Os opiáceos e as anfetaminas teñen unha presenza menor. O consumo simultáneo de substancias, que se demostrou coma un comportamento de extremo risco viario, é comparativamente frecuente en España.

Compartir: