MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

Modificacións no tráfico e no transporte urbano con motivo das obras de reforma do cruce dos Concheiros

26/02/2020 As obras de reforma do cruce dos Concheiros obrigan a unha reorganización do tráfico que comezará a aplicarse o vindeiro sábado, 29 de febreiro, a partir das 9:00 horas. As obras sobre a calzada darán comezo o luns 2 de marzo.

A Xunta e o Concello de Santiago deseñaron un plan de circulación provisional que ten por obxectivo compatibilizar do mellor xeito posible o tráfico rodado coa execución dos traballos. Así, no marco desta reorganización, na avenida de Lugo quedarán habilitados dous carrís en sentido ascendente e dous en descendente, empregándose para iso as vías de servizo. Habilitaranse dúas glorietas provisionais, unha xunto ao centro de saúde de Fontiñas e outra á altura da estación de autobuses en Rodríguez de Viguri.

A rúa de Londres será de sentido único descendente e a rúa de Berlín, de sentido único ascendente. Tamén se disporán recomendacións na SC-20 (Periférico) para que os vehículos que se dirixen ao Centro Comercial As Cancelas ou á Xunta se desvíen pola rúa de Roma.

Transporte urbano
A consecuencia destas modificacións no tráfico, algunha das liñas do transporte urbano que circulan pola zona terán que realizar desvíos. Nesta primeira fase das obras, os desvíos afectarán ás liñas 6, 9, C4, C6 e C11.

A información completa de itinerarios de desvío, paradas suprimidas e paradas alternativas por liña poden consultarse na web de Tussa.

Reforma de Concheiros
Os traballos previstos consisten na reforma do nó de Concheiros co fin de incrementar a seguridade viaria na contorna, especialmente para os peóns, ordenar o tráfico e aumentar o espazo público dispoñible. As obras transformarán este ámbito nunha gran praza de 6.000 metros cadrados, onde se compatibilizará o tránsito ordenado e prioritario dos peregrinos co tráfico rodado. No proxecto inclúese a execución de dúas novas glorietas que favorecerán o acceso ao barrio de Fontiñas e mellorarán os tráficos urbanos.

Documentos relacionados



Compartir: