ALCALDÍA

Sánchez Bugallo destaca a importancia Berenguel de Landoria na historia da Compostela medieval

19/02/2020 O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, participou hoxe na inauguración do XI Congreso Internacional de Estudos Xacobeos, dedicado a Berenguel de Landoria, quen foi arcebispo de Santiago entre 1320 e 1330. O rexedor destacou o legado deste relixioso dominico na historia da cidade. El encargou copias do Códice Calixtinus, fortificou o Castelo da Rocha e tamén preparou a fundación do mosteiro de Belvís. Por todo isto, "e pola transcendencia que tivo o seu arcebispado na historia de Santiago, pensamos que é un acerto dedicarlle estas xornadas á súa figura, historicamente unha das máis destacadas do período medieval, coas súas luces e as súas sombras".

O Congreso Internacional de Estudos Xacobeos é un dos principais encontros científicos da cultura xacobea. Promovido polo Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, conta coa organización e patrocinio da Consellería de Cultura e Turismo. Este congreso vénse celebrando desde o ano 1993 cun carácter bienal. Nesta ocasión está dedicado á importante figura do arcebispo compostelán Berenguel de Landoria, do que no 2018 cumpríronse 700 anos da súa chegada a Santiago de Compostela.

Sánchez Bugallo lembrou parte da súa biografía. Nomeado polo Papa Xoán XXII para rematar coa revolta que mantiña a burguesía compostelá contra a igrexa, non decepcionou. En 1920 recuperou o poder, nun tráxico final da insurrección que rematou co asasinato de Alonso Suárez de Deza no castelo da Rocha. A partir de aí acada un rápido restablecemento da posición eclesiástica en Compostela. Episodios como este, sinalou o alcalde, "dan conta da importancia que tiña aquel Santiago medieval, aquel Santiago das peregrinacións, para o Papa e para a igrexa".

O XI Internacional de Estudos Xacobeos conta coa dirección científica de Adeline Rucquoi, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e doutora en historia pola Universidade da Sorbona (Paris IV) e directora de Investigación emérita no CNRS (Centro Nacional de Investigacións Científicas, Francia). Nesta edición, o Congreso conta con vinte relatores, investigadores de primeiro nivel primeiro nivel entre os que figuran representantes de institucións, cátedras e centros de estudo, aos que se unen outros especialistas, que tamén presentarán as súas reflexións e achegas sobre aspectos significativos da figura do arcebispo Berenguel de Landoria, a Sede compostelá, a Orde dos Predicadores, a arte e a cultura xacobea. A todos eles, o alcalde deulles a benvida e desexoulles unha feliz estancia en Santiago.

Ademais de Sánchez Bugallo, no acto inaugural interviron Cecilia Pereira, conselleira delegada da S.A. De Xestión do Plan Xacobeo e Comisaria do Xacobeo 2021; Paulo Caucci von Saucken, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago; e Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo.

Compartir: