TURISMO

Santiago consegue no 2019 máximos históricos en pernoctacións, peregrinos e pasaxeiros no aeroporto

07/02/2020 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, fixeron un balance da situación turística da cidade, presentando as principais expectativas para 2020. Segundo apuntou o concelleiro, "no 2019 a cidade conseguiu tres máximos históricos nas principais variables turísticas: pernoctacións nos establecementos hoteleiros da cidade, peregrinos que percorreron o Camiño de Santiago e pasaxeiros no aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro".

Nos hoteis de Santiago de Compostela rexistráronse 1.466.282 pernoctacións no 2019, segundo os datos do INE. É a maior cifra de pernoctacións anuais rexistrada nunca na cidade, superando as cifras que se conseguiron no último Ano Santo, celebrado no 2010, cando se contabilizaron 1.430.183 pernoctacións.

As cifras de 2019 conseguíronse grazas a unha desestacionalización da demanda respecto do ano anterior. Os meses con maiores crecementos foron: abril, cun 19% mais; outubro, cun 17% máis; decembro e maio, cun 15% máis; e febreiro, cun 11% máis. Pola contra, en xullo mantivéronse as cifras do ano anterior, e en agosto houbo unha lixeira baixa do 2%.

O aeroporto de Santiago tamén logrou un novo récord no ano 2019, con 2.903.427 pasaxeiros. Gañáronse máis de 175.000 pasaxeiros respecto ao ano 2018, cun crecemento do 6,5%. Con estes datos, o aeroporto de Santiago consolidou o seu posicionamento como principal aeroporto de Galicia, con máis do 55% da cota de mercado, dous puntos máis que no 2018.

Pola súa banda, o Camiño de Santiago tamén conseguiu no 2019 un novo máximo histórico, con case 350.000 peregrinos e un crecemento do 6% respecto do 2018. Cabe destacar que por primeira vez houbo máis de 200.000 peregrinos internacionais.

Perspectivas para 2020
En base a estes datos, segundo dixo Sindo Guinarte, "as perspectivas para o 2020 son positivas e confiamos alcanzar novos máximos históricos". Non obstante, destacou que os dous obxectivos máis importantes dende a perspectiva da promoción turística de cara ao 2020 van máis alá das cifras concretas.

O primeiro obxectivo é consolidar o posicionamento de Santiago no Ano Santo 2021 e que isto sirva para afianzar á cidade como un destino turístico global. O segundo é sentar unhas bases sólidas para que Santiago continúe sendo unha referencia nos anos posteriores ao Ano Santo 2021. O concelleiro lembrou que tras o Ano Santo 2010, entre 2011 e 2014, a cidade viviu unha crise turística moi forte,cunha perda do 25% das pernoctacións.

Neste sentido, apuntou o concelleiro, "para nós é moi importante poder confirmar a recuperación da ruta a Roma con Ryanair a partires de xuño, con dúas frecuencias semanais; a recuperación da ruta a Frankfurt a mediados de maio e a creación dunha nova ruta a Zaragoza. Na mesma liña, tamén en xuño sumaremos a chegada de TAP, cunha dobre ruta diaria a Lisboa, que mellorará a nosa conectividade con América. E ademais hai xa crecementos anunciados por Vueling, Iberia e Air Nostrum na súa oferta de prazas para a próxima temporada de verán, confirmando o atractivo da nosa cidade".

Compartir: