ALCALDÍA

O Concello proponlle á Fundación RIA ubicar a súa sede en Santiago no antigo local da Mancomunidade

04/02/2020 O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, recibiron este martes o fundador e presidente da Fundación RIA, o arquitecto británico David Chipperfield. Esta entidade, que naceu centrada no ámbito do Barbanza e da Ría de Arousa, busca expandir o seu alcance situando a súa sede en Santiago de Compostela. O Concello propúxolle para a mesma o inmoble que no seu día foi a sede da Mancomunidade comarcal, na rúa das Oblatas, a carón do Sarela.

Sánchez Bugallo mostrouse "satisfeito" por recibir a Fundación RIA, á cal "seguimos con atención dende a súa creación". Tras ter constatado en outubro o seu desexo de ampliar o ámbito de actuación, dixo, "puxémonos a buscarlle unha posible ubicación para a súa sede en Santiago e ofrecémoslle a antiga sede da Mancomunidade, no Sarela, un edificio singular que espero sirva de inicio para a súa actividade futura".

En particular, o alcalde agarda contar coa colaboración da Fundación RIA para desenvolver proxectos no ámbito do Sarela e para outras iniciativas da cidade, como as relacionadas coa mobilidade.

Pola súa parte, o impulsor da Fundación RIA, David Chipperfield, agradeceu a "xenerosidade" do alcalde para buscar esta "base de operacións" en Compostela, sen perder a relación co Barbanza e coa ría de Arousa. Considera que estar en Santiago supón unha vantaxe para as relacións que a entidade busca tecer con universidades, administracións ou sectores económicos.

A propósito dun dos retos mencionados polo alcalde para a cidade, o da mobilidade, a representación da Fundación RIA explicoulle a Sánchez Bugallo os detalles dun estudo para, a través da futura intermodal, mellorar as relacións de mobilidade de Santiago cos concellos do Barbanza e Arousa Norte, onde se sitúan tres conserveiras que dan emprego cada unha a unhas 2.000 persoas.

Compartir: