XUNTA DE GOBERNO

Os edificios de vivendas de San Ignacio de Loyola incorporarán ascensor e poderán acceder a axudas para a rehabilitación

03/02/2020 A Xunta de Goberno aprobou este martes o estudo de detalle do ámbito das vivendas de San Ignacio de Loyola. Este documento resolve a accesibilidade destes dous edificios de vivendas, mediante a instalación de ascensores e tamén supón a mellora da envolvente dos mesmos. Ademais, grazas a unha ordenanza agora en preparación, a veciñanza poderá acceder a unha convocatoria de axudas para a rehabilitación das súas vivendas.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, explicaron que o estudo de detalle era un requisito imprescindible para que este conxunto de vivendas puidera ter acceso á convocatoria de axudas de rehabilitación que prepara o Concello, destinada a persoas con escaseza de recursos. O Goberno municipal agarda ter lista a ordenanza que regulará esta materia antes do verán, para así realizar a convocatoria. Esta terá unha dotación económica dun millón de euros, dos que 800.000 procederán de fondos europeos e o resto serán achega municipal, segundo apuntou Sánchez Bugallo.

O estudo de detalle resolve o problema de accesibilidade destes edificios mediante a instalación de ascensores exteriores nas esquinas sur dos inmobles, comunicados coas vivendas a través duns corredores de planta, exteriores e cubertos. Tanto a envolvente do ascensor como as pasarelas de acceso ás vivendas levarán elementos prefabricados de formigón autónomos e estruturalmente independentes da edificación orixinal. Complementariamente, prevese a substitución dos panos das galerías existentes por unha carpintería de madeira tipo, co fin de mellorar a eficiencia enerxética e recuperar a imaxe unitaria do conxunto.

Este documento afecta a un ámbito, o de San Ignacio de Loyola, configurado por dous bloques, un de 12 e outro de 18 vivendas, situados na marxe sur da avenida do Mestre Mateo. Estes edificios ían ser derrubados e os seus veciños e veciñas realoxados noutras vivendas pola previsión de construír alí a Facultade de Medicina. Desbotada esa posibilidade e eliminada en 2018 no PXOM a reserva universitaria da parcela, agora ábrese a posibilidade da rehabilitación das vivendas.

Edificio rehabilitado para residencia
Tamén no capítulo de licenzas, a XGL concedeu unha para obras de reforma e restauración da edificación situada nos números 87 e 89 da avenida de Lugo. Alí construirase unha residencia privada da terceira idade con 49 prazas.

Documentos relacionados



Compartir: