TURISMO

Santiago e Vilagarcía celebrarán conxuntamente o 90 aniversario da "Praia de Compostela" coincidindo co Ano Santo 2021

17/01/2020 Compostela e Vilagarcía de Arousa colaborarán na difusión de Galicia como destino turístico. Acordárono este venres nunha reunión o concelleiro de Turismo de Santiago, e delegado do Ano Santo 2021, Sindo Guinarte, e o concelleiro de Turismo de Vilagarcía, Álvaro Carou.

Ademais da promoción turística recíproca, tamén se está a traballar na celebración do 90 aniversario da apertura da praia de Compostela, o principal areal de Vilagarcía, que terá lugar en agosto de 2021, coincidindo cun dos meses de maior afluencia a Santiago.

Foi no ano 1931, a principios da II República, cando o Concello de Vilagarcía decidiu darlle o nome de parque e praia de Compostela ao xardín e ao areal que acababa de mercar ao santiagués Joaquín Martínez, dono da casa e xardíns de Artime, situados a carón da praia. Na inauguración participaron, ademais dos alcaldes das dúas cidades, numerosos veciños e veciñas. Uns actos que agora se pretenden rememorar por parte dos dous concellos.

Ruta fluvial xacobea
Outro aspecto no que Vilagarcía e Santiago teñen previsto traballar conxuntamente é a ruta fluvial Xacobea do Mar de Arousa e o Río Ulla. Neste momento, o Concello arousán está a traballar na rehabilitación dun edificio en Carril, a fin de convertelo no seu primeiro albergue de peregrinos.

Compartir: