CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os centros socioculturais de Santa Marta e do Romaño exhiben en xaneiro a obra pictórica de Fran Riveiro

17/01/2020 Os centros socioculturais do Romaño e de Santa Marta acollen durante este mes de xaneiro dúas exposicións do artista compostelán Fran Riveiro Calviño. Trátase dunha compilación de láminas con café como pigmento principal, rematadas con toques de tinta, pastel e/ou grafito.

Urbania é o título da exposición do CSC de Santa Marta, que aborda a temática do urbanismo mesturado con formas humanas e naturais feitas con técnica mixta: tinta, grafito, acuartela ou acrílico. Os lenzos amosan un estilo propio moi singular para ver de preto, incluso con lupa, e tamén de lonxe.

Tras anos experimentando a visión con diferentes técnicas, o artista ofrece auténticos mapas totalmente inventados, pero que poderían ser perfectamente reais. Realismo ou utopía en traballos que se chegan a comparar con encaixes de Camariñas sobre lenzos.

A mostra do CSC do Romaño leva por título Coffee paints. Exhibe ilustracións sobre dm como soporte e co café líquido como elemento pictórico principal, adornado ou non con elementos como a tinta, o grafito, o pastel... Proxéctanse imaxes a modo de siluetas que lembran o mundo onírico ou lembranzas, facendo desta una colección moi amable á vista.

Fran Riveiro
O artista Fran Riveiro formase en artes escénicas (teatro, danza, audiovisuais, dobraxe), mantendo ao mesmo tempo unha formación autodidacta nas artes plásticas. Para profesionalizar esta faceta obtén a carta de artesán na modalidade de ilustración e debuxo e comeza a facer exposicións e obradoiros en lugares como a Cidade da Cultura, o Museo Ortegalia, feiras de artesanía, Feria Internacional de Arte Contemporáneo de Málaga e un longo etcétera.

Compartir: