POLÍTICAS SOCIAIS E EDUCACIÓN

Inaugurado o piso cedido polo Concello para o programa CaixaProinfancia, da Asociación Arela

14/01/2020 As concelleiras de Políticas Sociais, Mila Castro, e de Educación, Noa Díaz, asistiron hoxe á inauguración do local no que se desenvolverá o proxecto CaixaProinfancia, da Asociación Arela. Trátase dun piso, situado no barrio das Fontiñas, cedido polo Concello de Santiago despois da solicitude realizada pola entidade, ao non contar cun espazo físico para desenvolver o programa.

Neste piso prestaranse servizos como reforzo educativo, lecer e tempo libre, apoio educativo familiar, atención psicoterapéutica e promoción da saúde. Uns servizos que contribúen de xeito positivo a avanzar na integración social das familias en situación de precariedade. Durante o acto, Mila Castro sinalou que "se queremos unha sociedade máis xusta, máis equitativa e mais igualitaria, é preciso rachar co círculo de pobreza hereditaria que afecta aos menores en situación de exclusión social; e garantirlles as mesmas oportunidades que os demais nenos e nenas a unha educación de calidade".

O director de Arela, Julio Barreiro, explicou que CaixaProinfancia é un programa que se vén desenvolvendo dende o ano 2016 en Vigo e en Santiago. Un traballo profesionalizado en rede con diferentes entidades sociais e profesionais, coordinado por esta Asociación. Ademais desta coordinación, Arela tamén realiza a acción social directa coas familias e cos seus fillos e fillas, e presta servizos educativos a nenos e nenas e a adolescentes.

Na súa intervención, Mila Castro tamén felicitou a todas as persoas que participan no programa, e agradeceu á anterior concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presente no acto, que apostase por CaixaProinfancia. Castro rematou desexándolle moito éxito a Arela e ofrecéndolle agora e no futuro, a colaboración e apoio do concello de Santiago.

Arela
A Asociación Arela ten como misión o desenvolvemento integral da infancia e da mocidade de Galicia, en risco de exclusión, en situación de desprotección ou en conflito social. Con este obxectivo fomenta iniciativas de intervención e prevención nestas situacións.

Compartir: