XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas novas axudas para as ARI de Vite, Vista Alegre e Pontepedriña

30/12/2019 A Xunta de Goberno Local celebrada este luns aprobou inicialmente novas axudas correspondentes a diversas fases das áreas de rehabilitación integral (ARI) dos barrios de Vite, Vista Alegre e Pontepedriña. Tamén se deu o visto bo aos prezos públicos das actividades regulares de xaneiro a xuño de 2020 da rede de centros socioculturais.

Entre as axudas aprobadas inicialmente figuran as da fase 1 da ARI de Vite, concedéndose subvencións por 25.735,04 euros para 16 actuacións nun edificio da rúa de García Lorca. No caso da fase 5 do grupo de vivendas Compostela e Cardeal Quiroga Palacios, no barrio da Pontepedriña, aprobáronse axudas por 27.090 euros para oito actuacións nun edificio da rúa de Samos. Finalmente, outorgáronse 362.818,47 euros en axudas para a fase 8 da ARI de Vista Alegre, das que se beneficiarán 48 actuacións en tres edificios das rúas de Álvaro Cunqueiro, Bispo Diego Peláez e Vila de Rianxo.

Na mesma sesión, aprobáronse os prezos públicos e reducidos das actividades regulares de xaneiro a xuño de 2020, na rede de centros socioculturais do Concello de Santiago de Compostela. Deuse conta tamén da programación para este período, que xa pode consultarse na web municipal.

Documentos relacionados



Compartir: