XUNTA DE GOBERNO LOCAL

O Concello valorará a semana que vén se recorre ante o Supremo a sentenza da Audiencia Provincial de Madrid sobre as estatuas de Abraham e Isaac

26/12/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, púxose en contacto co xefe da Asesoría Xurídica, Manuel Cutrín, e co seu antecesor no cargo, Xaquín Monteagudo, que é quen está levando a representación do Concello neste caso, para que presenten un informe a vindeira semana.

Unha vez analizado o informe dos servizos xurídicos, o Concello valorará se presenta ou non recurso ante o Tribunal Supremo. Segundo indicou o rexedor esta mañá, se hai base xurídica que sustente ese recurso pelexarase ata o final co obxectivo de que as estatuas volvan ao patrimonio público para que quen queira as poida coñecer e contemplar. O alcalde sinalou que informou sobre o asunto na Xunta de Goberno e "pensamos que hai base legal para recorrer". Outra cuestión será, indicou, "as posibilidades de éxito ou non éxito". Explicou que falou coa Asesoría Xurídica do Concello, que está estudando a sentenza, e co equipo de avogados que levou a defensa da posición municipal; adiantou que se reunirán a semana que vén e que "inmediatamente despois, tomaremos a decisión". "O noso criterio", engadiu, "é recorrer".

O rexedor considera que hai un cambio de argumentación, que a sentencia da Audiencia Provincial de Madrid non coincide coa do xulgado de primeira instancia. Interpreta como "moi favorable que se recoñeza que o Concello de Santiago ten acreditada a compra das esculturas", aínda, subliñou, "que non se acredita que esas esculturas mercadas polo Concello sexan as que son propiedade da familia Franco". Sánchez Bugallo tamén considera salientable que, segundo o fallo, os Franco non xustifiquen o "medio polo que se fixeron coa propiedade das esculturas. Non aportan ningún documento da súa adquisición".

A máxima preocupación do alcalde "non é que as esculturas sexan propiedade do Concello de Santiago, senón que estean a disposición do público de Galicia, de Santiago e de todo o mundo que as queira visitar. De feito, a nosa intención, se as recuperamos, é que se expoñan ou no museo Catedralicio ou no Museo das Peregrinacións".

Sánchez Bugallo quixo recoñecer o traballo feito para chegar aquí e espera que "no Tribunal Supremo, se os servizos xurídicos estiman que temos base para recorrer, se poida recuperar a titularidade pública desas esculturas".

Compartir: