FESTAS

O Mercado da Estrela volve os días 20, 21 e 22 de decembro con máis actividades e nova localización en Cervantes

02/12/2019 O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, presentou a oitava edición do Mercado da Estrela, que se celebrará na nosa cidade os días 20, 21 e 22 de decembro. Na rolda estivo acompañado da directora do Mercado da Estrela, Mónica Mejías, da empresa Correveydile; e da xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro.

Gonzalo Muíños referiuse ao Mercado da Estrela como unha cita xa tradicional nestas datas de Nadal en Compostela. Son xa oito edicións, o que "fala moi ben desta iniciativa e da boa aceptación que ten entre o público, o que fai que sexa un evento xa consolidado", apuntou.

En palabras do concelleiro, "será unha excelente oportunidade para pasear, mercar regalos orixinais e para descubrir unha vez máis todo o talento e a creatividade dos artesáns e artesás cos que contamos en Galicia. E todo isto acompañado de actividades diversas, música, gastronomía...

Baixo o lema "Agasalla talento galego", o Mercado da Estrela é un punto de encontro na cidade para as compras, as apertas e os brindes previos a Noiteboa. Os/as asistentes poderán descubrir o traballo das persoas creadoras de Galicia e mercar orixinais e innovadores agasallos mentres gozan dunha ampla programación de balde con concertos, picadiscos, obradoiros creativos, accións sobre sostibilidade e actividades en diferentes espazos da cidade. Artesanía de Galicia, moda, edición, ilustración, decoración, últimas tendencias, talleres, xogos, foodtrucks, deliciosos petiscos e moita música nun mercado contemporáneo con infinidade de sorpresas por descubrir.

Feira Creativa e actividades paralelas
A entrada será gratuíta para os/as visitantes que se acheguen ao festival buscando gozar dunha fin de semana de compras, brindes, reencontros e moita música. Nesta edición, e debido ás obras en Bonaval, a Feira Creativa de Agasallos de Nadal, coa participación de 77 expositores, trasládase ao Edificio Obra Social Abanca, na praza de Cervantes. Alí haberá artistas, produtores, emprendedores e artesáns galegos de distintas disciplinas como a cerámica, a moda, a xoiaría e bixutaría, a marroquinería ou a ilustración.

Alí en Cervantes tamén estará a gardería ludoteca, e haberá foodtrucks e unha carpa con obradoiros, sesións DJ e mesas e bancos para que a xente poida sentar a comer. Pero o Mercado da Estrela tamén conta con outros espazos, coma o Centro Sociocomunitario Porta do Camiño, onde estará a zona solidaria e os obradoiros sobre sostibilidade; a praza do 8 de Marzo, tamén con foodtrucks e con carpa para sesións DJ, barra e mesas e bancos. Ademais, instalarase unha Cantina Gourmet no corredor que conduce a Bonaval entre o Museo do Pobo Galego e o CGAC, onde haberá carpa para concertos e sesións DJ con barra e casetas de madeira con postos de restauración.

Entre as actividades destacadas desta edición cómpre destacar cos concertos de The Limboos, Los Bengala, Blanco Palamera, Mundo Prestigio, Elvis Negro, Aparato, Las Cruzes, De Ningures... Tamén haberá foliadas de música e baile tradicional galego na tarde do venres e de swing na tarde do sábado. A parte musical complétase con sesións de picadiscos con DJs como Russinha DJ, Yurak Walla, Daasanach DJ ou Um Sincero Pinchacumbias.

En canto aos obradoiros, realizaranse de elaboración de bolsas para ir á compra e outras pezas téxtiles a partir de paraugas rotos e usados; de elaboración de coroas, diademas e tocados de Nadal, etc. Ademais, Mutante Creativo exhibirá un mural na praza do 8 de Marzo.

Horario
O venres 20, o Mercado da Estrela abrirá ás 13:00 horas e ata o peche na noite nas zonas de restauración e de obradoiros e actividades, mentres que a Feira Creativa de Cervantes funcionará entre as 14:00 e as 21:00 horas. O sábado 21 e o domingo 22, a Feira estará aberta de 11:00 a 21:00 horas, e o resto de espazos dende as 11:00 ata o horario de peche na noite.

Direcciones relacionadas



Compartir: