POLÍTICAS SOCIAIS

Compostela sumarase o 3 de decembro á celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade

29/11/2019 A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, presentou esta mañá a acción "Baixo o mesmo paraugas. Galicia pola diversidade", que se celebrará o 3 decembro, ás 12:00 horas, na praza do Obradoiro, con motivo da celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Acompañárona na rolda de prensa representantes das entidades implicadas nesta iniciativa: Down Compostela, Sarela (Asociación de Dano Cerebral de Compostela), Acem (Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple), Fegadace (Federación Galega de Dano Cerebral), Aspamite (Asociación de Pais de Persoas con Diversidade Funcional de Teo), Aspanaes (Asociación de Pais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista) e Fegadem (Federación Galega de Esclerose Múltiple).

"Baixo o mesmo paraugas. Galicia pola Diversidade" é unha acción convocada simultaneamente por 78 entidades de toda Galicia. Concentrará a centos de persoas con paraugas para "simbolizar unha sociedade plural, diversa e que acolle a todas as persoas por igual, sen diferenzas, e para reivindicar que as persoas con discapacidade sexan consideradas como cidadáns de pleno dereito", explicou a concelleira, que pechou a súa intervención cun proverbio hindú: "se queres ir rápido camiña só, se queres chegar lonxe, vai acompañado".

A eses dereitos tamén ser referiu Delmiro Prieto, de Down Compostela, quen apuntou que "o día que deixemos de celebrar días como este será porque se deron pasos cara a "normalización real da sociedade". Así, dixo, "unha sociedade que non contempla a diversidade non é unha sociedade normal", lembrando que o 11% da poboación ten unha discapacidade. E nesta normalización, insistiu no papel que debe xogar unha "educación inclusiva".

Concentración no Obradoiro
O Concello de Santiago colabora con esta iniciativa, que tamén se desenvolverá ao mesmo tempo nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. En Compostela, a acción desenvolverase na praza do Obradoiro. Consistirá nunha concentración na que se dará lectura a un manifesto reivindicativo dos dereitos das persoas con discapacidade e no que diferentes participantes lerán frases ou lemas mediante os cales mostrarán as súas peticións, desexos, sentimentos...dando así voz aos/ás verdadeiros/as protagonistas dese día.

Os/as asistentes portarán paraugas de cores co obxectivo de dar unha maior visibilidade ao colectivo e á súa diversidade. A intención desta acción é que a cidadanía se sume á celebración acudindo cun paraugas de cores.

"Baixo o mesmo paraugas. Galicia pola diversidade" naceu en 2016 na cidade da Coruña. As asociacións convocadoras representan en conxunto a unha base social de máis de 40.000 persoas entre persoas con discapacidade, familias, socios/as, voluntarios/as e profesionais. Este é o segundo ano que a acción se celebra en Compostela.

Compartir: