CIDADE HISTÓRICA

Unha proposta municipal de rehabilitación para a rúa da Caramoniña, gañadora do Concurso Driehaus

27/11/2019 Unha proposta de rehabilitación presentada polo Concello de Santiago resultou gañadora do Concurso Driehaus, unha iniciativa do financeiro norteamericano Richard H. Driehaus que busca axudar a recuperar a arquitectura tradicional de zonas esquecidas nas localidades españolas. Nesta primeira fase, os concellos enviaron ao concurso as súas propostas de rehabilitación ou remodelación de diferentes espazos arquitectónicos. Entre todas elas, foron elixidas Santiago de Compostela, Alzira (Valencia), Santa Cruz de la Palma (Tenerife) e Guadix (Granada).

A iniciativa presentada polo Concello de Santiago de Compostela foi seleccionada pola súa formulación de rehabilitación dunha área do seu centro histórico, na rúa da Caramoniña, hoxe infrautilizada, pouco accesible e mal conectada con outros espazos do ámbito. Así, a proposta contempla a rehabilitación dos edificios en ruína e a nova construción dun edificio dunha soa planta para aloxamento temporal de artistas e estudantes, podendo incluír espazos comúns de estancia e/ou traballo. A rehabilitación admitirá os pequenos axustes de altura e de comunicación (apertura de ocos) que se estimen necesarios para facilitar e mellorar a súa utilización. As intervencións de rehabilitación deberán respectar, en xeral, os volumes existentes, e recorrer no seu deseño ás solucións construtivas tradicionais locais.

Dadas as evidentes dificultades topográficas para concibir vivenda pública estándar nesta parcela, optouse por propoñer unha intervención máis imaxinativa e flexible no que aos usos refírese, que permita ao Concello ir resolvendo as distintas actuacións separadamente segundo vaia axustando a súa posible xestión. Estes usos, aínda que sempre dentro do marco de residencia de propiedade pública, diríxense a colectivos específicos que se adaptan mellor ás complexas circunstancias da localización elixida: estudantes con poucos recursos e novos/as artistas.

Tamén se aposta pola reurbanización do canellón de Caramoniña e a mellora da lectura urbana do ámbito na súa integridade, así como a súa posible conexión co parque de Bonaval, traballando sobre a permeabilidade do muro limítrofe, xa que o ámbito do parque hoxe dá as costas a esta estreita rúa.

No parque de Bonaval proponse a intervención na primitiva construción que queda preto desta rúa, encostada ao muro que pecha o recinto, así como a recuperación do edificio municipal situado no entrada sur do parque, que hoxe funciona como almacén municipal, para talleres e actividades artísticas vinculadas ás novas residencias proxectadas na rúa da Caramoniña.

Tamén se suxire a iintervención sobre o espazo público da rúa da Caramoniña dende o seu inicio na costa de Santo Domingo ata a zona de intervención, un ámbito hoxe moi degradado e carente de atractivo, que non convida a alcanzar o tramo de rúa obxecto do groso desta actuación. Valorarase positivamente a recuperación visual da continuidade que historicamente presentaba esta vía, hoxe esvaecida polas diversas intervencións realizadas no século XX.

Segunda fase de propostas de deseño
Todas as candidaturas foron analizadas por un xurado formado por representantes do Ministerio de Fomento, do Ministerio de Cultura, do Consello Superior de Arquitectos de España, INTBAU (International Network for Traditional Building, Architecture & Urbanism) e do Premio Rafael Manzano.

A segunda fase do concurso será convocada polo Ministerio de Fomento, que o abrirá nas próximas semanas e concluirá o 10 de marzo. Estudos de arquitectura nacionais e internacionais poden presentar os seus proxectos de deseño para dar resposta ás propostas dos concellos elixidos.

Direcciones relacionadas



Compartir: