ALCALDÍA

Sánchez Bugallo asistiu ao acto de apertura da primeira estación de carga de gas natural para vehículos en Santiago de Compostela

19/11/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro; o delegado de Proyectos Movilidad Zona Norte-Portugal en Naturgy, José Antonio Sánchez Loureda; o xerente da estación de servizo Staroil, Juan Lago; e a directora de Mercagalicia, María Vázquez, inauguraron este martes a primeira estación pública de carga de gas natural para vehículos en Santiago de Compostela, situada en Mercagalicia, no Polígono Industrial do Tambre. Tamén participaron os concelleiros de Medio Ambiente, Mila Castro, e de Mobilidade, Gonzalo Muíños.

A gasinera, situada dentro do principal mercado de froitas e verduras de Galicia, ten unha localización de valor estratéxico e loxístico, polo seu importante tráfico de mercancías, proximidade ao centro da cidade e conexión coa Autopista do Atlántico, asegurando a posibilidade de reposición á totalidade das flotas en Galicia con destino ao norte de España, Portugal e Francia. Ademais, o Parque Industrial do Tambre conta con máis de 400 empresas dedicadas principalmente á actividade industrial, sectores do automóbil, a construción, o transporte e a distribución.

A instalación conta con dous surtidores, que permitirán atender a demanda, cada vez máis crecente, tanto de vehículos lixeiros como de vehículos pesados.

O gas natural vehicular (GNV) é un combustible alternativo aos convencionais, que emite ata un 75% menos de óxidos e reduce un 25% o dióxido de carbono, principal causante do efecto invernadoiro. Sobre todo preséntase como alternativa viable para un transporte eficiente nas operacións a longa distancia.

O parque de vehículos de gas natural medrou un 26 % durante o primeiro semestre de 2019, con 3.716 unidades más, ata sumar un parque total de 17.932 vehículos, segundo datos de GASNAM (Asociación Ibérica de Gas Natural para a Mobilidade). Un crecemento que se incrementa ata o 62% respecto ao ano anterior no sector do transporte de mercancías e pasaxeiros.

Compartir: