EDUCACIÓN

"O libro educativo na era dixital", lema do simposio que a Asociación Galega de Editores celebra en Santiago de Compostela o 21 e 22 de novembro

19/11/2019 O simposio O libro e a lectura, da Asociación Galega de Editoras, alcanza a súa edición número 16 nun encontro que se celebrará no auditorio do Consello da Cultura Galega na mañá e tarde do xoves 21 de novembro e durante a mañá do venres 22 de novembro. Contará coa intervención de Antón Costa e Gregorio Luri, que impartirán as conferencias de apertura e peche, e de profesoras e representantes das editoras de libro educativo, que participarán en tres mesas redondas e nun panel de experiencias.

A Concellaría de Educación e a Asociación Galega de Editoras organizan este simposio, co colaboración de Cedro, Consello da Cultura Galega e Xunta de Galicia. Reunirá a diferentes expertos e promotores da edición de libro educativo coa finalidade de ofrecer formación sobre a actualidade ao sector e ao público en xeral.

Neste encontro profesional conversarase, debaterase e reflexionarase sobre o libro educativo na era dixital, a transmisión do coñecemento no ensino e a convivencia do libro en papel e do libro dixital. A concelleira de Educación, Noa Díaz; o vicepresidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos, e a secretaria técnica da AGE, Silvia Bello, deron conta dos detalles deste simposio nunha rolda de prensa celebrada este martes no Pazo de Raxoi.

Programa
Dúas conferencias, tres mesas redondas e un panel de experiencias vertebran un programa que se inicia o xoves 21 de novembro, ás 10:00 horas. Antón Costa encargarase da conferencia de apertura. Seguiralle o panel de experiencias "Editar libro educativo", con representantes das editoras galegas Baía, Tambre e Rodeira (12:30 horas).

As sesións continúan na tarde do xoves 21 de novembro, ás 16:30 horas, coa mesa redonda "Proxectos educativos dixitais", a cargo de José Moyano, presidente de ANELE; Ana Guerra, de Edicións Obradoiro; Xosé Manuel Moo, de Xerais; e a profesora Susana Trigo. Ás 18:30 h celebrarase a mesa redonda "As ferramentas da educación" , con José Javier Pintor, asesor de formación do CFR da Coruña; o pedagogo Xesús Rodríguez e Olga Patiño Abeixón, representante da AS.PG, para pechar a xornada do xoves.

O venres 22 de novembro, iniciarase a segunda xornada do simposio, ás 10:00 h, coa mesa redonda "O futuro da educación", con Fernando Lacaci, presidente da Confederación de ANPAS galegas; Manuel Bragado, pedagogo e editor; e a profesora Paula Fernández Seoane. Finalmente, Gregorio Luri encargarase da conferencia de peche das xornadas (ás 12:30 horas).

As sesións do XVI Simposio da AGE están abertas ao público, que pode inscribirse de balde ata cubrir as prazas (aforo 100 persoas) no enderezo electrónico s.tecnica@editorasgalegas.gal.

Documentos relacionados



Compartir: