ALCALDÍA

Recepción en Raxoi a Tomas Lindahl, Premio Nobel de Química 2015

19/11/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, recibiu a Tomas Lindahl, Premio Nobel de Química 2015, que está a participar no Programa ConCiencia, organizado pola USC e o Consorcio de Santiago, coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología. O científico sueco asinou no Libro de Honra, nun acto no que tamén participaron os voceiros municipais do PP, Alejandro Sánchez-Brunete; de Compostela Aberta, Martiño Noriega; e do BNG, Goretti Sanmartín.

Tomas Lindahl recibiu o Premio Nobel en 2015 polos seus estudos mecanísticos da reparación de ADN. As contribucións do biólogo sueco permitiron abrir un novo campo de investigación con profundas implicacións na comprensión da bioloxía molecular básica e da aparición de enfermidades xenéticas, así como no desenvolvemento de novas terapias antitumorais. Na actualidade, Lindahl é científico emérito no Instituto Francis Crick de Londres.

No marco do Programa ConCiencia, Tomas Lindahl, pronunciará mañá mércores ás 19:30 horas, no Auditorio Abanca, unha conferencia baixo o título "Inestabilidade de ADN e posibles formas de vida alternativas". Tamén será o encargado da conferencia de apertura do XXV Encontro Galego-Portugués de Química, que se celebra entre o 20 e o 22 de novembro na Cidade da Cultura.

Compartir: