TURISMO

Arrinca a cuarta edición de "Compostela Ilustrada"

07/11/2019 Este mediodía comezou a cuarta edición do Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada, que se celebrará ata o vindeiro domingo. Catorce ilustradores e ilustradoras estarán nas rúas para debuxar, nesta ocasión, a arquitectura contemporánea da cidade. Todo isto ao longo de catro xornadas nas que haberá obradoiros de rúa, exposicións, workshops e outras moitas actividades, entre as que destacan as Xornadas de Ilustración Urbana.

Compostela Ilustrada arrincou coa inauguración no Museo das Peregrinacións da mostra Simplemente Santiago, que coorganiza o Concello, e coa presenza dos e das debuxantes na rúa do Vilar. Abriuse así un programa que contará con obradoiros, exposicións, workshops e outras actividades en varios espazos da cidade.

Xornadas de Ilustración Urbana
Entre as propostas do Encontro destacan as Xornadas de Ilustración Urbana, que se celebrarán mañá venres e o sábado no Auditorio de Galicia. Estarán moderadas pola nova directora de Compostela Ilustrada, Maru Godas, unha das mellores urban sketchers de España, que substitúe na dirección a Miguelanxo Prado. Con entrada de balde, contarán con conferencias de Isabel Carmona, Hugo Barros, Raúl Guridi, Aurora Villaviejas, Federico Granell e Róisín Curé. Ademais, o artista francés Laurent Corvaisier realizará en directo un mural de 2 x 2 metros.

Obradoiros, exposicións, workshops e actividades paralelas
No programa de Compostela Ilustrada destacan os workshops a cargo das ilustradoras e ilustradores convidados. Celebraranse durante a mañá do venres e do sábado en diferentes espazos da cidade e con variados contidos, rematando cada sesión co debuxo en exterior.

Ademais da exposición Simplemente Santiago, haberá outras dúas mostras. Unha delas, titulada De viaje, de Federico Granell abrirase esta tarde na Galería Metro. A outra, baixo o título Postales desde…, inaugurase mañá venres, ás 13:00 horas, na Galería Sargadelos, a beneficio da Aula Hospitalaria do Clínico. Componse de máis de 150 postais debuxadas enviadas polos/as participantes do pasado ano dende todas as partes do mundo, que serán vendidas.

Tamén se presentarán tres libros: Camiño do Norte. Visións contemporáneas, con Pilar Barral, Amelia Palacios e Ana Grasset (venres 8, ás 20:00 h, na Libraría Lila de Lilith), Sardinha sem lata, con Vicente Sardinha (sábado 9, ás 13:00 h, na Libraría Couceiro); e Abitar el herror, con Raúl Guridi (sábado 9, ás 20:00 h, na Libraría Couceiro).

Entre as actividades paralelas destaca o concerto de Los Fabulosos Weekend, que se celebrará esta noite na Sala Capitol; e A Tapa Ilustrada, un encontro para compartir, debuxar e cear no Mercado La Galiciana (venres 8 ás 21:30 h).

Ademais, esta edición do Encontro servirá de marco para a entrega do II Premio Compostela Ilustrada. O galardón está dotado con 300 euros e patrocinado polo Café Casino. Será neste establecemento onde se entregue o premio (domingo 10 ás 10:00 h) e onde se reúnan os/as participantes na gran quedada para debuxar no parque de San Domingos de Bonaval (se chove no CGAC) coa que se pechará Compostela Ilustrada.

Direccións relacionadas



Compartir: