ALCALDÍA

Consenso entre Concello e organizacións cidadás para retomar o proxecto do Xardín Botánico

07/11/2019 O alcalde de Santiago reuniuse este xoves con membros da comisión cidadá creada para impulsar o Xardín Botánico de Compostela, integrada polo Ateneo de Santiago, a Real Sociedade Económica de Amigos do País, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural e a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC. Xosé Sánchez Bugallo quere retomar este proxecto e crear un órgano de xestión para este espazo de 43.000 metros cadrados.

O rexedor explicou que os terreos foron adquiridos no seu día polo Consorcio de Santiago, que os cedeu á USC por un período de 30 anos. Daquela, recordou, "a crise e os problemas orzamentarios impediron levar adiante o proxecto do Xardín Botánico. Agora, o alcalde quere impulsar de novo a iniciativa deste Parque Botánico, como el prefire denominalo.

Indicou que agora tocará falar co Consorcio e coa USC, para ver esta mantén a titularidade ou a asume o Concello. Ademais, apostou pola creación dun órgano de xestión, en forma de Fundación ou doutra fórmula xurídica, no que estean representadas, entre outras, as organizacións presentes na comisión cidadá. Logo, dixo, tocará buscar financiamento.

En calquera caso, agradeceu o interese desta comisión por retomar o proxecto, tal como manifestou en nome da mesma Manuel López-Rivadulla, vicepresidente do Ateneo de Santiago. Este tamén se mostrou "satisfeito" pola xuntanza e pola "boas perspectivas" para converter o Xardín Botánico nun "proxecto de cidade".

O Xardín Botánico, lembrou o rexedor municipal, sumaríase así "aos 2.790.000 metros cadrados de parques públicos de titularidade municipal, aos que hai que sumar outros 400.000 metros cadrados sen uso ou non habilitados como tal, e sen contar as superficies titularidade doutras administracións; e con solos dispoñibles para alcanzar os 5.000.000 metros cadrados". Para Sánchez Bugallo, isto é un "luxo", que á súa vez obriga a "un enorme esforzo para acondicionalos e poñelos á disposición da cidadanía". Neste sentido e cara o futuro, o alcalde aposta por "cambiar o concepto de parque, creando parques extensivos e con natureza menos domesticada".

Melloras no Campus
Tamén en relación á USC, o alcalde apuntou que o Concello reservará nos orzamentos de 2020 unha partida de 400.000 euros para melloras no Campus Vida. O Concello e a Universidade determinarán agora cales son as "prioridades" nas que acometer este investimento. En todo caso, dixo, "hai dúas seguras, o acondicionamento as beirarrúas e a creación dun paseo seguro con máis iluminación".

Compartir: