COMERCIO

Aberto ata o 4 de novembro o prazo de solicitude de participación nos postos de venda do Mercado de Nadal

24/10/2019 O Departamento de Comercio abre o prazo para solicitar a participación no Mercado de Nadal, que se celebrará do 5 de decembro ata o 5 de xaneiro na rúa da Carreira do Conde. A inscrición estará aberta ata as 23.30 horas do día 4 de novembro.
Como novidade, nesta edición a oferta de decoración de Nadal e gastronomía concentrarase en tres quendas entre os días 5 e 23 de decembro; e a de artesanía e regalo, en dúas entre o 26 de decembro e o 5 de xaneiro.

O Mercado de Nadal contará con 15 postos de venda instalados en casetas montadas especificamente para esta finalidade. O Mercado cambiará de expositores en cinco quendas:

Gastronomía e decoración de Nadal
Quenda 1: xoves 5 a martes 10 de decembro (6 días)
Quenda 2: mércores 11 a martes 17 de decembro (7 días)
Quenda 3: mércores 18 a luns 23 de decembro (6 días)

Artesanía e regalos
Quenda 5: Xoves 26 a luns 30 de decembro (5 días)
Quenda 6: Martes 31 de decembro a domingo 5 de xaneiro (6 días)

Estará aberto de de 12:00 h a 14:00 h e de 17:00 h a 21:30 h agás o día 31, con apertura só de mañá. Estará pechado os días 24 e 25 de decembro e o 1 de xaneiro.

A convocatoria está dirixida a artesáns, produtores e comerciantes con capacidade para exhibir e vender produtos, creacións ou elaboracións de Nadal. No Mercado de Gastronomía e decoración de Nadal terán prioridade os produtos de decoración de Nadal; repostaría e doces, así como outros produtos de alimentación vinculados ás celebracións de Nadal. No Mercado de Artesanía e regalos, os agasallos artesanais e outros produtos artesanais.

Para tomar parte no Mercado é requisito indispensable cumprimentar a solicitude de participación en liña antes das 23.30 horas do día 4 de novembro de 2019. Ademais, os/as solicitantes deberán remitir á organización fotografías representativas dos seus produtos e máis proposta de decoración de Nadal do seu posto. Na proposta indicarase tipo de decoración e materiais a utilizar. As fotografías e propostas de decoración remitiranse a mercadonadal@versalscq.com. A solicitude de participación non será válida se non se cumpre esta premisa.

Complementariamente, e fóra do cómputo dos 15 postos de venda sinalados, seleccionaranse tamén expositores para postos de alimentación e bebidas e foodtrucks.

Os/as interesados/as poden solicitar información complementaria a través da direccións electrónicas comercio@santiagodecompostela.gal ou mercadonadal@versalscq.com

Compartir: