EMPREGO

Todo a punto para o maior cume do emprego e o talento en Santiago

21/10/2019 Hoxe comeza Talentia Summit´19, un evento que busca consolidarse como un referente a nivel galego respecto da xestión e o desenvolvemento do talento e o emprego. Antes da apertura, ás 18.00 horas no Auditorio de Galicia, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo varios encontros cos ponentes.

Pola mañá o rexedor reuniuse con Jaime de Nardiz, director de diagnóstico cultural de Great Place to Work, que falará pola tarde sobre a "Competencia universal polo talento, tendencias presentes e futuras para a xestión de persoas". A continuación, Sánchez Bugallo, mantivo unha xuntanza con Miguel Ángel Ruiz, Brand Strategy & Innovation Senior Manager de Samsung España, cuxa ponencia vespertina versará sobre "a misión dunha compañía tecnolóxica líder nun mundo cada vez máis disruptivo, global e dixital".

Xa pola tarde, antes do comezo do Foro Talentia, o alcalde e a directora da Fundación Banco Sabadell terán ocasión de departir sobre asuntos de interese para ambas institucións. Sonia Mulero conversará na súa intervención no Foro sobre coñecemento, innovación e talento como piares do cambio.

Talentia Summit'19
Luns 21 de outubro: Foro Talentia. Auditorio de Galicia
Xornada de apertura de conferencias estratéxicas no Auditorio de Galicia, nun foro único para afondar no liderado e o desenvolvemento do talento nun mundo cada vez máis disruptivo, global e dixital, que este ano será presentado por Silvia Jato e contará con importantes conferenciantes como:
- Miguel Ángel Ruiz Ortega, brand strategy e innovation senior manager de Samsung España.
- Paul Tran, director de Recursos Humanos de Hijos de Rivera.
- Sonia Mulero, directora da Fundación Banc Sabadell.
- Federico Buyolo, director xeral da Oficina da Alta Comisionada da ONU para a Axenda 2030.
- José Luis Pérez-Pla, consultor director en Cegos, responsable da Escola de Excelencia Comercial de Telefónica.
- Javier Sivent, evanxelista tecnolóxico.
- Jaime de Nardiz Pérez, director de Diagnóstico Cultural de Great Place to Work.

Coa presenza das autoridades institucionais:
- Nadia Calviño, ministra de Economía e Empresa en funcións.
- Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.
- Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela.

Martes 22 e mércores 23 de outubro: Feira aberta e actividades para a potenciación do talento e o emprego. Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia
- Máis de 60 empresas con stand.
- Máis de 150 ofertas de emprego, con máis de 836 postos ofertados.
- 660 prazas ofertadas en accións formativas.
- 21 accións para a obtención de certificados oficiais, como probas de inglés de Oxford, Excel 2016, Adobe Photoshop, Scrum Manager, Unity ou Microsoft Azure, entre outras.

Compartir: