POLÍTICAS SOCIAIS

Mila Castro será unha das vogais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

10/10/2019 A concelleira de Políticas Sociais e Saúde, Mila Castro, será unha das vogais do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Acordouse na Asemblea celebrada hoxe en Santiago, na que se aprobou por unanimidade a composición da nova Comisión Executiva. O Concello de Nigrán renova a Presidencia na persoa do alcalde, Juan González, mentres que a Vicepresidencia será para a concelleira de San Sadurniño, Ana Breixo. A Secretaría continuará exercéndoa o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), impulsor da iniciativa nos anos 90.

Mila Castro será vogal por Compostela. As outras vogalías corresponden aos concellos de Oleiros, Ames, Moraña e á Deputación de Lugo. Representantes duns 40 concellos participaron esta mañá na Asemblea Xeral celebrada na Cidade da Cultura, que se abriu cun balance do período 2015-2019 por parte do seu presidente.

Juan González expresou que o mandato se focalizou en catro puntos: impulsar o incremento da base asociativa e a súa participación activa na vida orgánica da asociación, realzar o papel do Fondo Galego como entidade de prestixio e recoñecemento no sector da cooperación, garantir a transparencia na xestión e mais difundir e implementar, no eido municipal, os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU. Neste senso, acadáronse logros coma o de chegar ás cen administracións locais socias, a participación en proxectos europeos ou a reactivación da Confederación de Fondos a nivel estatal, capitaneada polo Fondo Galego.

No encontro tamén se acordou seguir apostando polos proxectos de cooperación ao desenvolvemento e axuda de emerxencia, nomeadamente en Mozambique, establecendo unha alianza estratéxica coa Asociación Nacional de Municipios Mozambicanos.

Compartir: