INTEGRACIÓN

Chega a Santiago a VII Marcha Ciclista Unificada de Special Olympics Galicia

05/10/2019 Os concelleiros de Mobilidade, Gonzalo Muíños, e de Deportes, Esther Pedrosa, inauguraron este sábado a terceira etapa da 7ª Marcha Ciclista Unificada para persoas con e sen discapacidade de Special Olympics Galicia. No acto tamén estaban presentes a concelleira de Economía, Marta Abal; e os edís do PP María Castelao e Beatriz Cigarrán; de Compostela Aberta, Rafa Peña; e Goretti Sanmartín, portavoz do BNG.

Durante a inauguración, Gonzalo Muíños deulles á benvida aos/ás participantes e agradeceu á organización a iniciativa. A Marcha, de 13 quilómetros polas rúas de Compostela, rematou coa entrega de premios. Unha clausura, na que estivo Esther Pedrosa e a concelleira de Igualdade, Noa Díaz.

A 7ª Marcha Ciclista Unificada para persoas con e sen discapacidade de Special Olympics Galicia desenvólvese en catro etapas, os días 3, 4, 5 e 6 de outubro, en diferentes puntos de Galicia. Nela participan nove entidades de discapacidade intelectual (sete galegas); ás que se suman distintos clubs ciclistas de toda Galicia, que están dando o seu apoio aos/ás deportistas con discapacidade intelectual e amosando que, cos apoios adecuados, todos/as somos capaces de participar na sociedade en igualdade de condicións.

Nas diferentes marchas participan 65 atletas con discapacidade intelectual, aos/ás que hai que sumar 20 voluntarios e voluntarias en cada ruta e nove adestradores/as presentes en toda a Marcha. O Concello colabora con este evento, consciente de que o deporte é unha práctica vital para o fomento da inclusión e unha magnífica posibilidade de visibilizar a este colectivo de persoas.

Special Olympics Galicia
Special Olympics Galicia é a asociación de pais, profesionais e amigos de persoas con discapacidade intelectual. Unha organización sen ánimo de lucro onde se traballa pola promoción e a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, mediante o lecer, o tempo libre, a cultura e o deporte.

Compartir: