ALCALDÍA

O alcalde de Santiago reuniuse co presidente da Cámara Municipal de Braga

01/10/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, mantivo este martes unha reunión co presidente da Cámara Municipal de Braga, Ricardo Río. Entre os asuntos tratados no encontro figurou á irmandade entre as dúas cidades, unha irmandade que, segundo sinalou o rexedor compostelán, xa se iniciara no mandato anterior, pero que quedou "inconclusa".

Explicou Sánchez Bugallo que tamén se traballou no establecemento de liñas de colaboración en materia universitaria, "entre as dúas universidades, a de Braga e a USC, especialmente en ámbitos como as novas tecnoloxías, a biomedicina ou a nanotecnoloxía". O alcalde citou, como exemplo de cooperación, o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, con sede en Braga. Trátase dunha entidade intergubernamental, un instituto de I+D, xestionado conxuntamente por España e Portugal, para fomentar a investigación nesta materia, utilizando a alta tecnoloxía. Na súa posta en marcha colaborou o catedrático de Electromagnetismo da USC, José Rivas Rey, ocupándose tamén durante uns anos da súa dirección.

Tamén se estableceron liñas de colaboración en materia turística e en materia cultural. E apostouse, segundo explicaba o rexedor, polo desenvolvemento económico de empresas vinculadas ao ámbito da biotecnoloxía. Ademais, indicou Sánchez Bugallo, "estivemos estudando procesos nos que Braga estivo traballando nos últimos anos, de información destinada aos veciños".

No encontro tamén participaron a concelleira de Economía e Facenda, Marta Abal, e o responsable do Gabinete de Apoio á Presidencia da Cámara Municipal de Braga, Antonio Barroso.

Compartir: