CONSORCIO

Este domingo, último día para visitar na Casa do Cabido a exposición "A paisaxe e a súa pegada"

27/09/2019 No marco do proxecto expositivo Imaxinando Compostela, que o Consorcio de Santiago está a promover vencellado ao Xacobeo 2021, están en marcha dúas exposicións que poderán visitarse ata esta fin de semana.

Por un lado, na Casa do Cabido exhíbese a mostra A paisaxe e a súa pegada I, a primeira parte dunha exposición que terá continuidade cunha segunda mostra que arrancará en outubro. Amosa a visión que catro fotógrafos teñen da paisaxe ligada a Compostela como meta e ao Camiño de Santiago: Alberte Peiteavel, Javier Teniente, Sheila Pazos e Tino Viz.

Nas súas intervencións, estes catro fotógrafos non se deteñen unicamente na parte máis descritiva do territorio, senón que achegan o rumbo creativo da fotografía con recursos expresivos, enfoques e fusión de técnicas que fan visible o invisible, imaxinando escenarios máxicos que vulneran as leis da propia realidade. Ademais, xogando coa transversalidade da arte, fotografía e poesía fúndense nunha aventura común. Así, os versos de Antonio Gamoneda, Pura Vázquez, Olalla Cociña e Rafa Vilar ispen a vida deses momentos vitais que están máis aló da cámara.

O domingo, 29 de setembro, é o derradeiro día para visitar a mostra. O horario da Casa do Cabido é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas, de martes a sábado. Os domingos abre pola mañá, de 11:00 a 14:00 horas, e os luns permanece pechada ao público.

Fundación Granell
Mañá sábado será a derradeira oportunidade para visitar na Fundación Granell a exposición Figurando lembranzas, que suxire algúns dos xeitos de enfrontarse á obra de arte por parte de artistas galegos alén do mar. Exhíbense 17 cadros de grandes figuras galegas que se viron na necesidade de marchar a Latinoamérica como Abreu Bastos, Ángel Botello, Arturo Souto, Castelao, Eugenio Granell, Isaac Díaz Pardo, Laxeiro, Maruja Mallo, Luís Seoane, Manuel Pailós e Mario Fernández Granell.

A Fundación Granell abre os martes, mércores e xoves de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas; os venres de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; e os sábados de 11:00 a 14:00 horas. Os domingos, luns e festivos está pechada ao público.

Compartir: