ALCALDÍA

Recepción a medio centenar de peregrinos/as tras percorrer o Camiño para darlle visibilidade aos problemas de saúde mental

27/09/2019 O primeiro tenente de alcalde, Sindo Guinarte, recibiu no salón nobre de Raxoi a medio centenar de peregrinos/as da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia), tras realizar tres tramos do Camiño francés para visibilizar as problemáticas relacionadas coa saúde mental. É o décimo ano consecutivo desta iniciativa. No acto tamén participaron os voceiros de PP, Alejandro Sánchez-Brunete, e de Compostela Aberta, Martiño Noriega, e a concelleira do BNG Navia Rivas.

O percorrido comezou o mércores 25 de setembro en Salceda (O Pino) e, para chegar ao Obradoiro, os/as peregrinos (persoas con problemas de saúde mental e monitores/as) camiñaron durante 28 quilómetros. Na primeira etapa, os/as participantes percorreron os 8 quilómetros que separan Salceda e Arca, ambos no concello do Pino. Na segunda xornada, os peregrinos camiñaron 15,8 quilómetros ata o Monte do Gozo, onde pasaron a noite. Finalmente, este último día percorreron os 4,5 quilómetros restantes.

Estas etapas realizáronse pola mañá, xa que pola tarde os/as monitores de Saúde Mental FEAFES Galicia e das asociacións participantes organizaron actividades e dinámicas para que os/as peregrinos/as se coñeceran entre si, socializaran e tiveran un tempo de recreo e distensión. Despois da recepción en Raxoi, os/as camiñantes gozaron dunha comida de confraternidade.

Os/as peregrinos/as que realizaron este ano o Camiño de Santiago pertencen ás asociacións Andaina (Dodro e Ordes), Saúde Mental Ferrol (Narón), Avelaíña (A Guarda, Baiona e Ponteareas) e APEM (Carballo). Ademais, foron acompañados por un grupo de usuarios dos clubs de ocio que ten a Federación nas delegacións de Lugo, Vigo e Santiago.

Mellora da calidade de vida
As actividades de ocio e deporte que organizan Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os/as participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro aos familiares na súa tarefa de coidadores/as.

Con esta iniciativa, Saúde Mental FEAFES Galicia quere amosar á sociedade un perfil positivo e unha imaxe normalizada das persoas con problemas de saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a este colectivo.

Esta viaxe de tres días tamén serve para que as persoas con problemas de saúde mental realicen exercicio físico, algo moi beneficioso para a súa saúde. Do mesmo xeito, ten un factor lúdico rehabilitador, porque permite que os/as participantes se integren na sociedade e participen en actividades colectivas.

Saúde Mental FEAFES Galicia
A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que teñen problemas de saúde mental e a dos seus familiares.

O ámbito de actuación de Saúde Mental FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa 14 asociacións, repartidas por toda Galicia, que posúen centros e servizos en máis de 30 localidades.

Compartir: