DEPORTE

A Festa do Deporte reunirá o vindeiro luns 60 entidades, 56 disciplinas e 1.500 escolares

27/09/2019 A Festa do Deporte alcanzará a súa terceira edición este luns 30 de setembro, co día dedicado aos centros escolares. A xornada destinada ao público en xeral, prevista para este domingo, tivo que ser suspendida ante as previsións de choiva.

A Festa do Deporte volverá ser un escaparate da rica oferta deportiva da cidade. Nesta ocasión, o evento reunirá 60 entidades deportivas da cidade, que porán en práctica 56 modalidades deportivas. Xa está confirmada a participación de 1.500 escolares nesta xornada do luns.

A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, presentou esta nova edición da Festa do Deporte, acompañado de Carlos Noya, presidente da Federación Galega de Squash. O evento terá como epicentro o parque de Galeras, espazo ao que se suma o complexo deportivo de Santa Isabel.

Cada espazo contará con sedes e zonas adaptadas para realizar as diferentes actividades deportivas, en función da modalidade e da entidade inscrita, buscando en todo momento encaixar do mellor xeito posible as necesidades de cada deporte. Nesta ocasión son 56 as disciplinas, incorporándose como novidade o breakdance, o circo, a colombofilia, a escalada, o goalball, a hípica e o kung fu.

A Festa do Deporte celebrarase o vindeiro luns 30, de 10:30 a 14:00 horas, nunha xornada dedicada aos centros educativos. Está confirmada a participación de 18 colexios e de 1.500 escolares.

Escaparate do deporte compostelán
A Festa do Deporte volverá ser a oportunidade para que Compostela coñeza a súa riqueza deportiva, formada por máis de 100 entidades e por centos de persoas anónimas que invisten de forma totalmente altruísta o seu tempo en prol do deporte, ademais dos miles de deportistas de todas as idades que gozan das diferentes propostas que a nosa cidade lles ofrece.

Será, polo tanto, un evento deportivo de tipo recreativo e popular, que estará aberto á participación dos centros educativos do noso municipio, con actividades adaptadas ao nivel de todos/as os/as participantes. O Concello quere tamén deste xeito promocionar a práctica deportiva en criterios de igualdade, potenciando a creación de hábitos de vida saudable.

Formación
O evento arrincou xa este venres cunha xornada formativa co título "Realmente comemos ben?", organizada polo Departamento de Deportes en colaboración coa USC. Celebrouse no salón de actos da Facultade de Dereito e o relator foi Anxo Carreira, graduado en Nutrición Humana e Dietética, mestrado en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental e doutor en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria.

Colaboracións
A Festa do Deporte realízase en colaboración coa Universidade e a Fundación USC Deportiva. Ademais, a empresa XADE, responsable da xestión dos complexos multiúsos de Sar e de Santa Isablel, cederá catro rúas da piscina municipal nesta última instalación.

O avituallamento correrá por conta de Gadis, que subministrará auga e 1.500 pezas de froita. Ademais, estará instalado en Galeras o seu tráiler saudable, con información sobre hábitos de vida saudables e consumo responsable.

Máis información
Toda a información pode consultarse a través do perfil da Festa do Deporte nas redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter), así como na web oficial do evento.

Direccións relacionadas



Compartir: