POLÍTICAS SOCIAIS

A 7ª Marcha Unificada de Special Olympics Galicia chega a Santiago de Compostela o 5 de outubro

26/09/2019 A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, presentou este xoves a 7ª Marcha Ciclista Unificada para persoas con e sen discapacidade de Special Olympics Galicia. A proba desenvolverase en catro etapas, os días 3, 4, 5 e 6 de outubro, en diferentes puntos de Galicia. A etapa de Santiago celebrarase o sábado 5 de outubro, cun percorrido polas rúas compostelás que se pechará na praza do Obradoiro.

Antes de dar conta dos detalles da Marcha, Mila Castro quixo recoñecer "o labor que Special Olympics Galicia e asociacións como Aspas fan para fomentar a inclusión e a visibilización deste colectivo de persoas, neste caso a través do deporte, contribuíndo así a derrubar barreiras físicas e psicolóxicas na sociedade". Acompañaron á concelleira na rolda de prensa Esther Pedrosa, concelleira de Deportes; Eladio Fernández, presidente de Special Olympics Galicia; Javier García, xerente de Aspas, e Jesús Cabo, un dos deportistas que participará na Marcha.

A Marcha Ciclista Unificada chegará a localidades das catro provincias galegas, comezando o 3 de outubro coa primeira etapa pola localidade ourensá de Baños de Molgas (17 quilómetros). Continuará ao día seguinte, o 4 de outubro, na provincia de Lugo, onde os/as ciclistas realizarán a etapa entre Sarria e Pobra de San Xiao (case 29 quilómetros). O sábado 5 de outubro, a Marcha chegará a Santiago de Compostela, nunha ruta que se desenvolverá polo centro da capital (13 quilómetros), e rematará o día 6 de outubro en Vilagarcía de Arousa (13 quilómetros).

O Concello colabora con este evento, consciente de que o deporte é unha práctica vital para o fomento da inclusión e unha magnífica posibilidade de visibilizar a este colectivo de persoas. A etapa en Santiago rematará na praza do obradoiro, onde haberá un acto de recoñecemento e onde seguro se pronunciará de novo o lema destes deportistas "quero gañar, pero se non o consigo, deixádeme ser valente no intento", tal como lembrou Mila Castro.

Ademais das nove entidades de discapacidade intelectual (sete galegas) que participarán na Marcha, clubs ciclistas de toda Galicia tamén estarán dando o seu apoio aos/ás deportistas con discapacidade intelectual e amosando que cos apoios adecuados, todos somos capaces de participar na sociedade en igualdade de condicións.

En total, nas diferentes marchas, participarán 65 atletas con discapacidade intelectual, aos/ás que hai que sumar 20 voluntarios e voluntarias en cada ruta e nove adestradores/as presentes en toda a Marcha. Na etapa de Santiago estarán 48 ciclistas e todo o operativo formarano 84 persoas.

Special Olympics Galicia
Special Olympics Galicia é a asociación de pais, profesionais e amigos de persoas con discapacidade intelectual. Unha organización sen ánimo de lucro onde se traballa pola promoción e a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, mediante o lecer, o tempo libre, a cultura e o deporte.

Compartir: