ALCALDÍA

O alcalde destaca o labor de Agadea de apoio a enfermos/as de Alzheimer e as súas familias

21/09/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asistiu este sábado no Hotel San Francisco á gala conmemorativa do XXV aniversario da Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer. O rexedor felicitou á presidenta de Agadea, Isabel Gey, polo labor social de apoio, información e axuda que a entidade ofrece ás familias e aos/ás enfermos/as; e destacou a importancia do novo centro de día que dentro duns meses abrirá en Salgueiriños.

Durante o acto entregáronse varias distincións: aos voluntarios/as
Isabel Redondo, Jesús Filloy e Mari Luz Caamaño; ao Grupo de Apoio ao Coidador de Vite, dirixido por Isabel Redondo, e a María Luisa Fernández López, empregada de Agadea, que recibiu o recoñecemento a "Toda unha unha vida".

No evento tamén estaban presentes a concelleira de Políticas Sociais e Saúde, Mila Castro; os edís do PP Alejandro Sánchez-Brunete e José Antonio Constenla, e a portavoz do grupo do BNG, Goretti Sanmartín, ademais da conselleira de Política Social, Fabiola García. A gala foi presentada pola xornalista da Radio Galega Clara de Saá.

AGADEA
Agadea é unha asociación sen ánimo de lucro, constituída o 25 de marzo de 1994 por un grupo de familiares de enfermos/as de Alzheimer. Ten como obxectivos buscar conxuntamente respostas, compromisos, apoios ás familias e recursos necesarios na loita contra esta enfermidade neuro-dexenerativa.

Contan cun centro terapéutico en Salgueiriños, onde ofrecen estimulación cognitiva, e outro similar en Vite. En 2017 inauguraron un máis no Ensanche. Ademais, contan cun centro de día en Ribeira e outro centro na Estrada. Está previsto que nuns meses abran un centro de día en Salgueiriños, tal e como sinalou no seu discurso a presidenta da Asociación, Isabel Gey.

Compartir: